+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ESTE LUNS ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NA ÚLTIMA RUTA ORNITOLÓXICA DA DEPUTACIÓN “VOANDO NAS RÍAS BAIXAS” POLA SERRA DO SUÍDO


Terá lugar o domingo 16 de xuño, é gratuíta e a solicitude pode formalizarse en www.depo.es. En todas as rutas anteriores as prazas esgotáronse en escasas horas

A ruta, en colaboración con SeoBirdlife, percorrerá a Serra do Suído polos concellos da Lama, Fornelos e Covelo e permitirá coñecer as principais especies de aves que nela habitan

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 3 de xuño, o prazo de inscrición para participar na última ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baixas”, que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdlife. Neste caso, a ruta terá lugar o 16 de xuño pola Serra do Suído (A Lama, Fornelos e Covelo) e ofértanse 25 prazas, totalmente gratuítas, que se cubrirán por orde de entrada da solicitude a través da páxina web www.depo.es. Cómpre ter en conta que en todas as rutas de “Voando nas Rías Baixas” as prazas esgotáronse en escasas horas.

A Serra do Suído trátase dun sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son as altiplanicies nas que abundan os pastizais, monte baixo de brezos, toxos e carquexas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. En primavera e verán a Serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a águia calzada, o abelleiro europeo, a águia cobreira ou o miñato. Amais, sobre as pendentes de monte existen exemplares de tartaraña cincenta, gatafornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación de Pontevedra porá a disposición das persoas participantes prismáticos, dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves.

Con esta ruta pola Serra do Suído ponse fin á edición de 2019 do programa “Voando nas Rías Baixas” que comezou o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor e continuou o 10 de febreiro pola Enseada de San Simón na Ría de Vigo, o 3 de marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio polas Brañas de Xestoso.

“Voando nas Rías Baixas” ten por obxectivo converter a provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese, sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves.

Deja un comentario