+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

UN TOTAL DE 576 CLUBS DA PROVINCIA RECIBEN ESTE ANO AXUDAS DA DEPUTACIÓN PARA O DEPORTE FEDERADO


Repártense un total de 650.000 euros, “subvencións concedidas con criterios obxectivos e rachando co modelo anterior que dependía das simpatías do goberno provincial”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión das subvencións aos clubs deportivos da provincia que participan en competicións federadas de ámbito inferior a nacional para o ano 2019. Benefícianse este ano un total de 576 clubs da provincia, 19 máis que o ano pasado, pertencentes a 58 concellos da provincia de Pontevedra, tal e como sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

“Como todas as outras axudas concedidas en diferentes ámbitos, agora na Deputación estas axudas tamén se reparten con criterios obxectivos e de forma transparente e equitativa, rachando co modelo anterior que maioritariamente eran subvencións nominativas a dedo, dependendo das simpatías do goberno anterior. Agora iso rematou e son subvencións dadas con criterios obxectivos”, resaltou a presidenta.

En total, concédense axudas por valor de 650.000 euros, 50.000 máis que no 2018. O obxectivo destas partidas é apoiar os clubs deportivos federados e rexional preferente pola súa participación en ligas e competicións oficias de ámbito comarcal, provincial ou autonómico. Entre as entidades beneficiarias están representados multitude de deportes, como por exemplo fútbol sala, xadrez, tiro con arco, fútbol, tenis, baloncesto, balonmán, ximnasia rítmica, atletismo, natación ou patinaxe artística.

Recoñecemento Federación Española Balonmán
Carmela Silva tamén destacou a satisfacción do Goberno provincial polo feito de que a Real Federación Española de Balonmán vén de conceder, na categoría de “Institución” nos seus Premios Nacionais 2019, un recoñecemento especial á Deputación de Pontevedra polo seu apoio ao balonmán. A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro día 15 de xuño en Oropesa del Mar.
“Nesa data todo o balonmán da provincia estaremos de gala, xa que a satisfacción e o orgullo non só é polo premio que recibe esta Deputación, senón que hai outras entidades e persoas da provincia que tamén recibirán o seu recoñecemento”, resaltou a presidenta provincial. Nos Premios Nacionais 2019 da Federación Española de Balonmán tamén contan cun premio a Asociación Deportiva Carballal de Cabral (Vigo), “un dos clubs referencia do balonmán base en toda España, sobre todo na categoría feminina; o ex-porteiro histórico pontevedrés Vítor García “Pillo”; o Diario de Pontevedra; e o xornalista de Radio Pontevedra Ángel Magdaleno.

Deja un comentario