+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ESGOTA EN POUCO MÁIS DUNHA HORA AS PRAZAS PARA A ÚLTIMA RUTA DE “VOANDO NAS RÍAS BAIXAS” QUE DISCORRERA O 16 DE XUÑO POLA SERRA DO SUÍDO


En total participarán 25 persoas nesta actividade gratuíta que, en colaboración con SeoBirdLife, permitirá coñecer as principais especies de aves deste espazo situado nas comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta

En pouco máis dunha hora trala apertura do prazo de inscrición, a Deputación de Pontevedra tivo que pechar a recepción de solicitudes para participar na última ruta do programa “Voando nas Rías Baixas”, unha iniciativa gratuíta que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdLife. A actividade desenvolverse o domingo 16 de xuño pola Serra do Suído, situada nas comarcas de Pontevedra, Vigo e A Pardanta, e permitirá achegar ao público a riqueza ornitolóxica dos concellos da Lama, Fornelos e Covelo ao tempo que concienciar e sensibilizar á poboación local.

As 25 persoas que van participar nesta última ruta de “Voando nas Rías Baixas” poderán coñecer, deste xeito, a Serra do Suído, un sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son as altiplanicies nas que abundan os pastizais, monte baixo de brezos, toxos e carquexas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. Nestas datas do ano a Serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a águia calzada, o abelleiro europeo, a águia cobreira ou o miñato. Amais, sobre as pendentes de monte existen exemplares de tartaraña cincenta, gatafornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación de Pontevedra porá a disposición das 25 persoas participantes prismáticos, dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves.

Con esta ruta pola Serra do Suído o próximo 16 de xuño ponse fin á edición de 2019 do programa “Voando nas Rías Baixas” que comezou o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor e continuou o 10 de febreiro pola Enseada de San Simón na Ría de Vigo, o 3 de marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio polas Brañas de Xestoso.

“Voando nas Rías Baixas” ten por obxectivo converter a provincia de Pontevedra nun destino máis internacionalizado, máis desestacionalizado e máis sustentable. O turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese, sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves.

Deja un comentario