+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

A FINALISTA DE MASTERCHEF, KETTY FRESNEDA, E OITO REPUTADOS COCIÑEIROS GALEGOS ELABORARÁN PRATOS EN VIVO NA FEIRA SALIMAT ABANCA


ADEMAIS DA CONCURSANTE CUBANA AFINCADA EN PONTEVEDRA, PARTICIPARÁN DESTACADOS CHEFS DO GRUPO NOVE, ALGÚNS CON ESTRELA MICHELÍN, E DAS ASOCIACIÓNS COCIÑA OURENSE, CORUÑA COCINA E COCIÑEIROS DA MARIÑA

O 23º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que se celebrará xunto coa 42ª feira Abanca Semana Verde de Galicia do 6 ao 9 de xuño, acollerá todos os días numerosas actividades no seu espazo “Showcooking Bar”.

Entre as sesións máis destacadas estarán os showcookings realizados por oito destacados chefs galegos pertencentes a catro asociacións. Así, haberá tres conducidas por cociñeiros do Grupo Nove, entidade que aposta por unha cociña contemporánea en base á excelente despensa que ofrecen a terra e o mar de Galicia. O venres días 7 de xuño será a quenda de Yayo Daporta, do restaurante homónimo con Estrela Michelin de Cambados. O sábado estará Javier R. Ponte “Taky”, do Catering Boketé (A Coruña), e xa o domingo Rafa Centeno, do restaurante vigués Maruja Limón, tamén con Estrela Michelin.

Por outra banda, da Asociación de Cociñeiros da Mariña, que ten como obxectivo apostar polo local e o quilómetro cero, realizarán un showcooking os chefs Bruno Pena, dos restaurantes Horta da Paula e Taberna de Galiana, de Mondoñedo; e Suso Villarino, de O´Asador del Alba (Barreiros). Terá lugar o día 6 de xuño.

Outra das sesións será, o sábado, a cargo do chef Pedro Pérez, do restaurante Bacelo Taberna Vinaria, da asociación Cociña Ourense, a cal pretende promocionar Ourense como destino de turismo enogastronómico utilizando produtos locais e de tempada, ademais de promover a gastronomía do Atlántico interior.

Ademais, o domingo estarán presentes integrantes da asociación Coruña Cocina, a cal, baseándose na transversalidade e pluralidade de estilos, traballa arredor dunha personalidade gastronómica diferenciada para A Coruña. Serán Javier Freijeiro e Moncho Bargo, do restaurante Pracer Zalaeta (A Coruña).

Por outra banda, o sábado realizarase unha sesión protagonizada pola cubana afincada en Pontevedra Ketty Fresneda, subcampioa da sexta edición do programa televisivo MasterChef.

Catas, presentacións e talleres
Ademais desta cociña en vivo, no “Showcooking Bar” realizaranse outras actividades de empresas expositoras. Así, levaranse a cabo catas de viños e aceites, degustacións de cócteles, presentacións de produtos ou talleres de galletas, entre outros.

Para asistir ás diferentes sesións que terán lugar neste espazo, os interesados precisarán de inscrición previa na propia feira, tendo un aforo máximo de 20 persoas.

Deja un comentario