+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA VISITA EN NIGRÁN AS OBRAS NA RÚA DA IGREXA E O CASTRO DE CHANDEBRITO, “QUE SE VAI CONVERTER NUN REFERENTE ETNOGRÁFICO DA PROVINCIA”


“E un espazo singular que temos a obriga de coidar, manter e mellorar non só como entorno medioambiental, senón tamén como núcleo habitado”, declarou a presidenta

A actuación de empedrado da rúa da Igrexa, financiada con máis de 60.000 euros do Plan Concellos 2018, ten por obxectivo potenciar o valor etnográfico da zona

“Este entorno vaise converter nun referente cultural non só da comarca, non só da provincia, senón tamén de Galicia”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Nigrán, Juan González, e concelleiras e concelleiros do goberno municipal, visitou esta mañá a parroquia de Chandebrito para coñecer as labores de escavación, consolidación e restauración do seu castro, así como as actuacións de mellora na rúa da Igrexa, situada na contorna. Esta última actuación, que conta cun orzamento de 60.350 euros, finánciase a través do Plan Concellos 2018. “Este é un dos lugares máis fermosos da provincia. Un espazo singular no que temos a obriga de coidar, manter e mellorar non só o entorno medioambiental, que é extraordinario, senón tamén o núcleo habitado de Chandebrito”, declarou a presidenta.

Na súa intervención, Silva recoñeceu que é necesario “recuperar a nosa esencia, a nosa autenticidade, todo o que os nosos antepasados deixaron para darlle impulso económico a esta vila”. Continuou dicindo que “a xente demanda cultura, respecto, medio ambiente e actividade económica e o goberno de Nigrán entende isto perfectamente porque está a facer investimentos para crear espazos que xeren actividade económica e emprego no futuro máis inmediato”. A presidenta, que tamén quixo felicitar ao alcalde polo resultado das eleccións do 26-M, engadiu que “Nigrán vaise converter nun lugar de economía, progreso e emprego que, con Vigo ao fondo, está logrando que toda a área do sur da provincia camiñe cara a un futuro esplendoroso”.

Pola súa parte, o alcalde de Nigrán reafirmouse en que “o futuro é o que buscamos aquí. Un futuro diferente dende os incendios de 2017”. Así, valorou as obras que se visitaron hoxe como unha forma de “recuperar o espazo central da parroquia poñendo pedra, xerando valor, riqueza, emprego e facendo que a parroquia sexa mellor”. “Este entorno vaise converter nun referente cultural non só da comarca, non só da provincia, senón de Galicia”, declarou González.

De feito, o obxectivo das obras de empedrado da rúa da Igrexa é o de potenciar o valor etnográfico da zona substituíndo, así, o firme de aglomerado por adoquíns de pedra acordes coa contorna do castro e o alumeado por luces LED. En canto ao castro de Chandebrito, estanse levando a cabo traballos de escavación, consolidación e restauración. En concreto, coa escavación e co rexistro da área que quedou aberta na anterior intervención do castro, estase abrindo e escavando unha área de 58 m2 que permitirá contextualizar as estruturas rexistradas, ademais de reabrir e rexistrar en 3D os perfís e estruturas que se realizaron na sondaxe 1. Tamén estanse consolidando as estruturas do castro e executándose un plan de divulgación.

Máis de 7,6 millóns de euros na lexislatura

Nos catro anos de lexislatura, a Deputación de Pontevedra leva investidos en Nigrán máis de 7,6 millóns de euros en todas as áreas de Goberno. En canto ao vixente Plan Concellos 2019, a institución provincial achega ao municipio 1.025.470,24 euros, un 3% máis ca no exercicio anterior. Ademais, ao longo dos catro anos de mandato, Nigrán puido financiar un total de 36 obras a través da Liña 1 do Plan Concellos por preto de 4 millóns de euros. No que respecta á Liña 3 de Emprego, este municipio puido contratar a 106 traballadores e traballadoras municipais.

 

Deja un comentario