+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

A FUNDACIÓN SEMANA VERDE E VEGALSA-EROSKI DINAMIZAN A PRODUCIÓN AGROALIMENTARIA GALEGA EN SALIMAT ABANCA


A través do convenio de colaboración que renovaron onte nas instalacións do recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA

 

A directora de Relacións Institucionais, Clientes e RSC da compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski, Gabriela González, e o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, acaban de renovar o convenio de colaboración entre ambas entidades para impulsar conxuntamente os produtos galegos a través do certame alimentario Salimat Abanca. Este celebra a súa vindeira edición esta mesma semana, do 6 ao 9 de xuño.

O convenio, formalizado onte pola tarde nas instalacións do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, ten por obxecto promover a vinculación de Vegalsa-Eroski cos produtos galegos e dar a coñecer o valor engadido que a súa actividade produce ao sector agroalimentario en actividades relacionadas promovidas pola Fundación Semana Verde de Galicia.

Esta colaboración enmárcase no compromiso de Vegalsa-Eroski coa produción local como empresa dinamizadora do sector agroalimentario a través da aposta polos produtos galegos. Durante o acto de firma, Gabriela González destacou a importancia que a Feira ten para as compañías que fomentan a promoción dos seus produtos, xa que lle permite chegar directamente ao consumidor final, convertendo así a este certame alimentario nun motor económico para a Comunidade galega.

Pola súa banda, Ricardo Durán, subliñou a gran importancia que ten para a Fundación esta colaboración con Vegalsa-Eroski, dentro da cal sinalou a distribución de 150.000 flyers que a cadea realiza entre os seus clientes. Así mesmo, quixo lembrar os 16 anos ininterrompidos que a compañía leva apoiando a Salimat Abanca e, por tanto, á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

 

Alcance do acordo

No marco deste convenio, que se manterá vixente ata decembro de 2021, a compañía participará no Salón de alimentación Salimat, cunha superficie expositiva de máis de 64 m2; participará na Bolsa de Contratación de Salimat, que lle permitirá estar en contacto con importadores e distribuidores de diversos países, e levará a cabo xestións cos seus provedores para lograr a súa posible participación no salón.

Ademais, a compañía promocionará mediante diversas liñas de comunicación publicitaria a súa participación na Feira Abanca Semana Verde a través da distribución de flyers entre os seus clientes nos supermercados dos que dispón en Galicia, ademais de colocar roll ups na entrada dos seus centros e dar difusión a través de redes sociais e outros soportes.

A Fundación Semana Verde, pola súa banda, facilitará a Vegalsa-Eroski unha zona preferente no Pavillón número 1 para instalar o seu stand expositivo na feira Salimat e outra no exterior para que poida colocar os seus contedores expositivos e food truck, si como condicións económicas preferentes. Ademais, axendará no marco da Bolsa de Contratación de Salimat diversas reunións de traballo entre potenciais provedores e representantes de Vegalsa-Eroski e difundirá a participación e colaboración da empresa e a cesión de espazos no recinto para a colocación de bandeirolas publicitarias.

Para velar polo mellor cumprimento do convenio e dirimir todas aquelas cuestións que poidan xurdir constituirase unha comisión de seguimento conformada por dous representantes da Fundación, un deles o seu director xeral que ostentará a Presidencia da Comisión de Seguimento, e outros dous representantes de Vegalsa-Eroski.

 

Sobre Vegalsa-Eroski

Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 264 establecementos entre propios e franquiciados baixo as marcas comerciais Hipermercados e gasolineiras Eroski, Eroski/Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski/City e Aliprox. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos de A Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservizos Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 19 centros distribuídos homoxeneamente entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos en áreas empresariais con boas comunicacións.

Deja un comentario