+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

O CONCELLO DE MORAÑA PROGRAMA PARA ESTE MES AS MELLORAS VIARIAS DE CHAN DE AMIL, REBÓN E OUTEIRO POR 315.000 EUROS


As obras veñen de adxudicarse e o inicio está pendente de pequenos detalles sobre as propiedades afectadas, como muros ou árbores

 

O Concello de Moraña vén de programar para este mes de xuño o inicio das obras de tres importantes melloras viarias en Outeiro e Chan de Amil, ambos na parroquia de Amil, e en Rebón cun investimento de 315.000 euros despois de que as obras foran adxudicadas e se completara todo o proceso administrativo dos concursos.

En canto á data concreta do arranque dos traballos, a alcaldesa en funcións, Luisa Piñeiro, explicou que está pendente dalgúns detalles sobre as propiedades afectadas. Así, en Chan de Amil hai que pechar un pequeno acordo sobre un muro con dous propietarios mentres que en Outeiro hai que realizar unha tala da madeira incluída na zona do ensanchamento. No caso de Rebón, xa se sabe que as obras comezarán xusto despois do día 23 para non entorpecer as súas festas.

A mellora viaria no Outeiro, adxudicada a Covsa por 69.722 euros e que xa ten estaquillada a zona dos traballos, beneficia a un treito de 437 metros da pista que se dirixe cara A Torre no que se vai corrixir o perfil das curvas, o estado do firme, a deficiente sinalización e a drenaxe. Os traballos vanse centrar no desmonte do talude da marxe dereita e o aproveitamento dunha franxa lateral de terreo para incrementar os 4 metros de anchura cos que conta actualmente a vía. Deste xeito, pretende dárselle unha dimensión constante a toda a calzada e favorecer a circulación simultánea nunha pista bastante utilizada pola veciñanza.

Tamén está a piques de comezar a mellora viaria e peonil en Chan de Amil, adxudicada a Nexia por 145.639 euros. Trátase dun proxecto que mellorará a pista que conecta todo o lugar e bordea a capela dos Milagres coa ampliación dos carrís, dotación de rigola de formigón, creación de sendas de 2,50 metros, pasos de peóns, reconstrución de muros e instalación de canalizacións.

Finalmente, a mellora viaria da parroquia de Rebón foi contratada a Covsa por 99.917 euros. Vanse mellorar 2,5 quilómetros das pistas de Rebón de Arriba, O Calvo e San Pedro e vaise empedrar e humanizar o acceso á igrexa.

Deja un comentario