+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Novembro de 2020

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SÚMASE ÁS ACCIÓNS CONMEMORATIVAS DO DÍA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS


Por segundo ano, o Pazo Provincial acollerá a entrega de premios do concurso “Xoga coas manciñas” e iluminará a súa fachada de cor turquesa as noites dos días 13 e 14 de xuño

Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos, que se celebra o vindeiro 14 de xuño, a Deputación de Pontevedra súmase aos distintos actos para sensibilizar ao conxunto da sociedade coas persoas xordas. Así, esta mañá, a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o deputado de Cultura, Xosé Leal, o concelleiro de Xuventude, Luis Alberto Oubiña, e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, presentaron no Pazo Provincial as accións que se levarán a cabo nos vindeiros días.

Máis polo miúdo, o Salón de Plenos do Pazo acollerá o vindeiro 14 de xuño a entrega de premios da segunda edición do concurso provincial “Xoga coas manciñas”, un certame para nenos e nenas da provincia de educación infantil e primaria, que ten como obxectivo promover e sensibilizar sobre a lingua de signos e a comunidade xorda. Así, as persoas participantes terán de prazo ata o 11 de xuño para gravar un vídeo en lingua de signos dun conto, canción ou poema dunha autora ou autor galega/o. Trátase dunha iniciativa impulsada por Xoga, unha asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia.

Tamén para conmemorar o Día Nacional das Linguas de Signos, que se celebra cada 14 de xuño dende 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o pazo provincial da Deputación permanecerá iluminado de cor turquesa as noites dos días 13 e 14 de xuño. Así mesmo, a sede de Turismo Rías Baixas vai acoller unha exposición de Alfredo Palau, artista xordo cunha ampla e recoñecida traxectoria como deseñador gráfico, cuns traballos que amosan unha particular visión da arte pop. A mostra poderá verse dende o 19 de xullo ata o 4 de agosto. Amais, no marco das accións conmemorativas, este mesmo venres 7 de xuño, ás 18.30 horas, terá lugar na Casazul a charla-coloquio “A lingua de signos galega”, a cargo de Andrés Caamaño, Ana Fernández Soneira e coa participación de Xulio Loureiro.

Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5% da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenas e nenos. En España, a xordeira afecta arredor dun millón de persoas (das que case o 72% teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de Pontevedra, máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000, contan cun problema auditivo.

Deja un comentario