+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Novembro de 2020

A NOVA IMAXE DO FICBUEU CONVIDA A DESCUBRIR “GRANDES OBRAS DE PEQUENO TAMAÑO”


 

No cartel do 12º Festival Internacional de Curtametraxes unhas miniaturas rodan un filme mentres son observadas desde unha lupa
A nova imaxe do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu convida a “descubrir grandes obras de pequeno tamaño”, en palabras do seu director, Manuel Pena. O cartel deste ano amosa un ollo inocente que, a través dunha lupa, espía a un grupo de miniaturas que están a filmar unha película. Trátase do instante no que as diminutas figuras que están rodando, fóra do alcance da vista, son descubertas e ampliadas a través da lente. Reflíctese, deste xeito, a metáfora dun certame cuxo obxectivo é poñer o foco sobre esas breves xoias cinematográficas que están ocultas, para que as e os espectadores as coñezan.
Ao mesmo tempo, “hai un xogo de miradas, unha reflexión sobre o acto de observar, que resulta central no audiovisual”, comenta Manuel Pena. Neste senso, establécese unha composición na que os tres bonecos situados fronte a cámara están vendo algo fóra de campo, alén dos marcos da fotografía, mentres que o camarógrafo mira a claqueta a través do seu instrumento de traballo, o ollo na lupa obsérvaos a todos e o público ve o cartel.
Estamos, unha vez máis, ante “unha coidada combinación de fondo e forma, imaxe e mensaxe, que cumpre asemade coa función de resultar chamativa e atraente”, a toda cor, renovándose pero mantendo o amarelo que xa actuara como tinta de referencia na identidade visual do ano pasado. Agora só queda agardar a descubrir se o photocall do FICBUEU 2019, que se celebra entre o 6 e o 14 de setembro, irá en sintonía coa escena representada no cartel.

Deja un comentario