+034 986 09 02 04 Sábado 18 de Xaneiro de 2020

MORAÑA VAI SOLICITAR A CUARTA EDICIÓN DO OBRADOIRO DE EMPREGO CON VALGA PARA FAVORECER A INSERCIÓN DOUTRAS VINTE PERSOAS


O programa laboral incluirá de novo os módulos de Forestal e Albanelería e agárdase que sexa aprobado para inicialo no outono

 

O Concello de Moraña vai solicitar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a cuarta edición do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, de xeito conxunto co municipio de Valga, para seguir favorecendo a inserción laboral dos veciños –que neste caso beneficiaría directamente aos vinte participantes– e para seguir mellorando as infraestruturas e servizos públicos.

A alcaldesa de Moraña en funcións, Luisa Piñeiro, deixou claro que todas as accións relacionadas co emprego “son unha prioridade absoluta para o noso goberno e máis despois de reducir o paro en máis de 200 persoas nos últimos catro anos”. “Imos seguir nesta liña, tal e como lle dixemos aos veciños, e por iso temos listo o proxecto de solicitude do novo obradoiro, que presentaremos antes do día 10 e que agardamos que sexa aprobado pola Xunta para poder inicialo no outono”, indicou a rexedora.

O novo programa laboral inclúe de novo as modalidades de Forestal e Albanelería e oriéntase, ao igual que a terceira edición actualmente en marcha, a vinte traballadores por espazo de nove meses con modalidade dual que inclúe a realización de prácticas. Se resulta aprobado, cos prazos que manexa a Xunta para a concesión e os procesos de selección, podería comezar entre outubro e novembro.

Luisa Piñeiro concretou que, ademais de favorecer a empregabilidade dos participantes, este novo obradoiro daría continuidade, segundo se recolle no proxecto de obras, á rehabilitación das fontes e pilóns públicas do municipio e tamén ao acondicionamento interior de edificios municipais. En concreto, contémplase a mellora da accesibilidade no local de Chan de Amil e a reforma integral do edificio dos vestiarios das piscinas municipais.

Polo demais, a vixente edición do Obradoiro de Emprego, que afronta a súa recta final para rematar no vindeiro mes de agosto, está intensificando os traballos de restauración de once fontes e lavadoiros de titularidade municipal espallados por

 

todo o termo de Moraña e de acondicionamento de dous sendeiros peonís nos regos de Catañosa, Gundeiro e Cornide. Todos estes traballos foron supervisados nestes días pola alcaldesa.

Deja un comentario