+034 986 09 02 04 Mércores 03 de Xuño de 2020

CERDEDO-COTOBADE LEVA Á EMIGRACIÓN AS HOMENAXES A FRAGUAS POLAS LETRAS GALEGAS CON ACTOS E EXPOSICIÓNS EN BRASIL


Jorge Cubela participará en actos en Salvador de Bahía de xeito paralelo á Xunta e á RAG, que estarán en Sao Paulo e Río de Janeiro

O Concello de Cerdedo-Cotobade, xunto coa Xunta de Galicia e a Real Academia Galega (RAG), vai organizar e participar en diversas homenaxes a Antonio Fraguas polas Letras Galegas 2019 en Brasil durante os vindeiros días co obxectivo de levar esta efeméride cultural aos colectivos da emigración.

Así, o presidente municipal en funcións, Jorge Cubela, vén de partir esta mesma mañá cara o país sudamericano para tomar parte nestas actividades representando a Cerdedo-Cotobade. “É unha honra compartir as nosas letras cos galegos que tiveron que irse porque deste xeito os nosos emigrantes síntennos máis cerca e ademais contribuímos a seguir difundindo o gran legado de Fraguas por todos os recunchos do noso país, incluíndo aqueles que están máis alá das nosas fronteiras”, explicou o rexedor.

A axenda de Cubela complementará de xeito paralelo á que tamén van desenvolver durante os vindeiros días os representantes da Xunta e da RAG, que xa se atopan en Brasil e que van celebrar as súas actividades en Sao Paulo e Río de Janeiro, respectivamente. “Van ser uns días moi intensos en torno a Fraguas nas principais cidades do país e todas as institucións que estamos implicadas nas Letras Galegas 2019 imos botar o resto para captar a atención cultural dos colectivos da emigración pero tamén de todo Brasil”, apostillou Cubela.

Os actos oficiais do presidente municipal en funcións arrancarán este sábado, 8 de xuño, cunha recepción por parte das autoridades locais de Salvador de Bahía e terán continuidade ao día seguinte cun xantar na honra de Antonio Fraguas no Club Español desta cidade. No mesmo participarán decenas de veciños orixinarios de Cerdedo-Cotobade e renderáselle homenaxe a cinco mulleres de Augasantas que durante moitos anos organizaron as festas desta parroquia, polo que Cubela ten previsto entregarlles un pequeno agasallo institucional.

O luns, 10 de xuño, será a xornada máis intensa, xa que haberá un encontro coas entidades galegas de Salvador de Bahía, a presentación da bibliografía e das novas edicións dos libros de Antonio Fraguas na universidade bahíana e, finalmente, un acto en torno á súa figura na

Sociedad de Caballeros de Santiago. Todo elo coa participación tamén do secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García.

Finalmente, Cubela pechará a súa axenda coa súa presenza e intervención na inauguración, o martes 11, da exposición sobre a vida e a obra de Antonio Fraguas que vai permanecer aberta no Club Español e, xa o mércores 12, cun novo encontro coa colectividade galega.

Deja un comentario