+034 986 09 02 04 Mércores 03 de Xuño de 2020

PRETO DE 30 ESTABLECEMENTOS DAS RÍAS BAIXAS ABREN ESTA FIN DE SEMANA AS XORNADAS DE PORTAS ABERTAS NA RUTAS DOS VIÑOS DE GALICIA


A iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, incluirá desde o venres visitas teatralizadas a adegas, catas ou obradoiros de showcooking

Preto de 30 establecementos, entre adegas, restaurantes e aloxamentos da Denominación de Orixe das Rías Baixas participarán desde mañá e ata o domingo na VIII Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, que se celebran co impulso da Consellería de Cultura e Turismo, cun investimento de máis de 230.000 euros para a promoción destes itinerarios ata o ano 2021.

Durante esta fin de semana, os asistentes poderán participar de diferentes actividades para poñer en valor a cultura vitivinícola galega. Inclúense desde visitas –algunhas delas teatralizadas– a pazos e adegas, catas en familia con actividades para nenos, degustacións, showcookings, rutas de sendeirismo ou mesmo o Bus do Viño, que nas súas 13 saídas permitirá achegar aos participantes das xornadas desde distintos puntos da Comunidade galega.

As Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia tamén facilitarán que os asistentes aproveiten ofertas e promocións especiais en aloxamentos e restaurantes ou participen coas súas fotografías no concurso en redes sociais que organiza a Ruta do Viño das Rías Baixas.

Durante esta fin de semana, as actividades tamén se celebrarán na Ruta dos Viños do Ribeiro e os días 14, 15 e 16 será a quenda das denominacións de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. En total participarán preto dun centenar de adegas, restaurantes e aloxamentos das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Os interesados en participar na iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo e as Rutas dos Viños poden acadar máis información na web www.xornadasrutasvinosgalicia2019.com.

Deja un comentario