+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

O CORO DE CÁMARA LUDUS TONALIS GAÑA O VII CERTAME GALEGO DE CORAIS “VILA DE ARBO”


O concello de Arbo organizou o pasado domingo o seu xa tradicional Certame Galego de Corais “Vila de Arbo”. O concurso, que celebrou a súa sétima edición, abarrotou de público e tamén de voces o Auditorio Segundo Gil Davila da localidade. O comité organizador do concurso asegurou que este ano aumentou considerablemente non só o número de corais inscritas senón tamén o gran interese que xerou esta cita durante toda a tarde. Centenares de persoas acudiron ao edificio para gozar da música polifónica coral que alí se podía escoitar. As corais que viaxaron ata Arbo interpretaron unha obra de presentación, a obra obrigada e unha obra de libre elección cada unha.
Un total de sete foron as corais participantes no certame. O xurado estabá integrado por Indra Sesti di Lucca, soprano do Grupo de Cámara Minuetto, Javier Comesaña, director do conservatorio profesional da Estrada e Cesar Posada, director da Banda de música municipal de Arbo. Tras retirarse a deliberar viviuse un momento de gran emoción cando a presentadora, Edurne Fernández, leu a acta oficial desvelando a agrupación gañadora do premio Fecoga (outorga un premio de 500€) a mellor interpretación da obra obrigada ‘A ti María Luisa’, o Coro de Cámara Ludus Tonalis. A Coral Polifonica Frol Nova conseguía o terceiro premio (200€) e a Agrupación Coral San Miguel de Lores, o segundo (400€). A gran triunfadora do certame foi a citada Ludus Tonalis ao alzarse tamén co primeiro premio “Fundación Segundo Gil Davila” dotado con 900€ e diploma acreditativo. As outras catro corais participantes obtiveron un diploma acreditativo pola súa participación no certame.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, quixo agradecer a todas as corais participantes, aos visitantes que se achegaron a Arbo para asistir ao acto, así como a Fecoga, á Fundación Segundo Gil Davila e outras entidades colaboradoras e por suposto tamén á Coral Polifonica de Arbo pola colaboración e a ilusión que mostran todos os anos na organización deste importante evento.

Deja un comentario