+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Novembro de 2020

O GOBERNO DE CARMELA SILVA PON EN MARCHA UN NOVO “PRACTICUM DEPO 2019” PARA A MOBILIDADE DE ESTUDANTES E DOCENTES DE FORMACIÓN PROFESIONAL


O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) acaba de concederlle á Deputación novas achegas de fondos europeos de máis de medio millón de euros para levar a cabo esta iniciativa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa a posta en marcha dunha nova edición do programa “Practicum Depo 2019” para a mobilidade internacional de estudantes e docentes de Formación Profesional da provincia a outros centros educativos en Europa. Así, Silva destacou que a institución provincial acaba de recibir novas achegas de fondos europeos de máis de medio millón de euros para levar a cabo esta iniciativa, coa que se van poñer en marcha 102 mobilidades que permitirán que alumnado e profesorado de 32 centros educativos de 19 concellos da provincia poidan coñecer as prácticas realizadas noutros países de Europa.

Máis polo miúdo, o prazo establecido para levar a cabo este proxecto é de dous anos, desde o 1 de xuño de 2019 ata o 31 de maio de 2021, e será distribuído da seguinte forma: as persoas tituladas en xuño de 2019 sairán entre setembro e outubro de 2019 e xaneiro de 2020; as e os tituladas/os en decembro de 2019 farán a súa saída en xaneiro de 2020; no que respecta ás persoas tituladas en xuño de 2020, sairán entre setembro e outubro de 2020 e xaneiro de 2021; e, por último, as persoas tituladas en decembro de 2020 farán a súa saída en xaneiro de 2021.

O obxectivo deste proxecto da Deputación de Pontevedra é fortalecer a educación e a formación da mocidade da provincia, así como favorecer a aprendizaxe profesional e de linguas estranxeiras. Tal e como informou Carmela Silva, nas tres edicións anteriores desta iniciativa “Practicum Depo” investíronse case 2 millóns de euros para o impulso da mobilidade de preto de 350 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que viaxaron a países como Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Países Baixos, Finlandia, Alemaña ou Polonia.

Deja un comentario