+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

UN CENTO DE VOLUNTARIOS RETIRARÁN MAÑÁ RESTOS DE PLÁSTICOS DAS PRAIAS DA ILLA DE ONS CON MOTIVO DO DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS


Os participantes nesta acción ambiental están ligados a Abanca e á súa Obra Social e recibirán a colaboración do grupo naturalista Hábitat e do Parque Nacional

Un cento de voluntarios vinculados a Abanca e á súa Obra Social participarán este sábado, 8 de xuño, nunha acción ambiental para retirar especies invasoras e restos de plásticos que localicen nas praias do arquipélago de Ons. Os participantes estarán acompañados tamén polo grupo naturalista Hábitat e contarán ao longo da xornada co apoio e a colaboración de persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que axudará na organización da limpeza.

A acción programada nas praias de Ons coincidirá coa celebración do Día Mundial dos Océanos, unha efeméride coa que se pretende lembrar o gran papel que xogan nas nosas vidas xa que grazas a eles se xera a maioría do osíxeno que respiramos. Co seu apoio a este tipo de iniciativas nunha data tan sinalada, a Consellería de Medio Ambiente pretende mobilizar á poboación arredor do obxectivo da xestión sustentable dos océanos, que son os pulmóns do noso planeta, unha fonte importante de alimentos e parte esencial da biosfera.

Unha vez completadas as actividades de limpeza e recollida nas praias de Ons, os voluntarios aproveitarán a súa visita para coñecer un pouco máis o arquipélago, para o que contarán coa colaboración do Parque Nacional Marítimo-Terrestre.

A grave problemática que supoñen os lixos mariños na actualidade en todo ou planeta tamén afecta ás Illas Atlánticas de Galicia. Por iso, co obxectivo de minimizar e previr a perda de biodiversidade, no ano 2018 decidiuse actuar nun dos enclaves que integran o Parque Nacional, en concreto, no arquipélago de Sálvora, onde a través do proxecto da Rede para a recuperación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia desenvolvéronse ao longo do ano pasado un amplo programa de actividades encamiñadas a paliar este problema.

Na mesma liña, a ONU lanzou este ano unha campaña mundial, Play It Out, para acabar coa contaminación por plásticos nos mares, e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está tamén moi implicada na concienciación para manter limpos os arquipélagos do Parque Nacional, participando en iniciativas como o programa PLEAMAR-LIFE INTERMARES, en colaboración co Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e o Instituto Español de Oceanografía.

De feito, este grupo logrou xa retirar e eliminar 86 quilos de Margarida do Cabo e 4.500 rebrotes de eucalipto e acacia do parque, ademais de limpar 50 quilos de pequenos plásticos, envases e papeis, unha liña na que seguirá a traballar ao longo deste ano.

A supervivencia e o equilibrio de calquera ecosistema ten os seus piares na conservación da biodiversidade, unha realidade á que non é allea o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia xa que se trata dunha área protexida de gran riqueza natural da que se benefician os seus ecosistemas pero tamén os sectores socioeconómicos da súa propia área de influencia.

Día dos Océanos 2019
Este ano o Día Mundial dos Océanos suporá unha oportunidade para explorar a cuestión de xénero na relación entre os océanos e o ser humano. Así, a presente edición, a décima desde que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas escolleu esta data para conmemorar e debater sobre o futuro dos nosos océanos, centrarase en fomentar unha maior concienciación sobre o estado actual destas grandes masas de auga e as cuestións de xénero, e en descubrir distintas formas de promover a igualdade en actividades relacionadas cos océanos, como a investigación científica mariña, a pesca, o traballo no mar, a migración por vía marítima e a trata de persoas, así como a formulación de políticas e xestións.

Deja un comentario