+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

COMPLETADA A FINANCIACIÓN PARA O PROXECTO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DA DEPUTACIÓN QUE VAI INVESTIR 4 MILLÓNS DE EUROS EN 43 CONCELLOS


Carmela Silva revalida a súa aposta pola transición ecolóxica “Será o obxectivo prioritario desta Deputación nos próximos catro anos”

A Deputación tamén vai concorrer ás novas axudas do IDAE para impulsar a economía baixa en carbono ás que poderán optar todos os concellos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, vén de anunciar que a institución provincial recibiu a última das achegas de Europa para completar o proxecto de eficiencia enerxética no alumeado público exterior de 43 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Coa última achega aprobada, por valor de 548.089,99€, vanse investir 4 millóns de euros que permitirán substituír 7.519 puntos de luz por luminarias LED que aforrarán de media un 62% na factura da luz.

Silva subliñou a importancia destas actuacións para contribuír a construír unha contorna máis sustentable. Nesta eido, a presidenta amosou o seu compromiso e adiantou que “nos vindeiros catro anos esta Deputación vai marcar como obxectivo prioritario a transición ecolóxica, e vai impulsar moitos proxectos para salvagardar o planeta que é o mesmo que salvar a vida”.

No caso do proxecto de eficiencia enerxética, as últimas achegas concedidas por Europa, por valor de 548.089,99 euros, permitirán substituír 1.385 puntos de luz por luminarias LED en Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga. Deste xeito en Bueu actuarase en 214 luminarias, cun investimento de 79.000 € que suporá un aforro do 59% na factura da luz; en Campo Lameiro en 271 luminarias cun aforro do 53,55% e un investimento de 80.000 €; Cerdedo recibirá 40.000 € para actuar en 38 luminarias que suporán un aforro do 50%; en Dozón actuarase en 111 luminarias cun aforro do 47,5% e un investimento de 40.000 €; en Gondomar en 188 luminarias cunha achega de 75.000 € e un aforro do 76%; A Lama recibirá 39.000 € para actuar en 101 luminarias e aforrar o 58,51%; a Mondariz-Balneario destinarase 39.000 euros para acadar un aforro do 75% a través da substitución de 47 luces; en Salceda de Caselas actuarase en 211 luminarias cun investimento de 76.000 € que suporá un aforro do 70% e a Valga achegarase 80.000 € para 203 luminarias que permitirán un aforro na factura da luz do concello do 76%.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que a este proxecto, cun investimento de 4 millóns de €, súmase tamén as axudas destinadas á substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa e ao da renovación do alumeado público exterior en BIC´s, ambos cun investimento de 416.214 e 130.000 euros respectivamente. O primeiro deles está a beneficiar á Guarda, Mondariz, Portas, Caldas e Salvaterra de Miño e o segundo a Salvaterra, Caldas, A Guarda, Meis, Poio, Vilanova de Arousa e Baiona.

Nova liña de achegas para impulsar unha economía baixa en carbono

Carmela Silva tamén anunciou que a Deputación de Pontevedra vai concorrer ás novas axudas do IDAE para impulsar a economía baixa en carbono que destinarán a Galicia máis de 154 millóns de euros. “Xa lles anuncio que imos pedir estas axudas e que tanto os concellos que xa se beneficiaron das achegas para ser máis eficientes como aqueles que se queren sumar agora se van poder presentar, xa que non hai limitación no número de habitantes”, asegurou Silva.

En total, a nova liña de axudas para construír un mundo máis sostible conta con 14 medidas entre as que se atopan a rehabilitación enerxética da envolvente térmica dos edificios para reducir a demanda enerxética; a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas dos edificios para reducir o consumo de enerxía; a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior; a mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; a mellora da eficiencia enerxética mediante a utilización das TIC nas cidades; a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior mediante a mellora da eficiencia enerxética; a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de depuración de augas residuais; a implantación de plans de mobilidade urbana sostible; instalacións solares térmicas destinadas a aplicacións e calor e frío; instalacións de aproveitamento da enerxía xeotérmica; instalacións para uso térmico da biomasa; instalacións solares fotovoltaicas; instalacións eólicas de pequena potencia e instalacións de aproveitamento da enerxía aerotérmica ou hidrotérmica mediante bombas de calor.

 

Deja un comentario