+034 986 09 02 04 Domingo 12 de Xullo de 2020

O SERGAS ESTÁ A ELABORAR UN PROCEDEMENTO DE ATENCIÓN COMÚN QUE GARANTA A EQUIDADE NA ATENCIÓN AOS PACIENTES DE ENFERMIDADES INFLAMATORIAS INTESTINAIS


 Así o manifestou  o conselleiro de Sanidade no transcurso da IV xornada provincial informativa para doentes, familiares e coidadores das patoloxías de Crohn e colite ulcerosa
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lembrou que o Sergas está a elaborar unha ruta de atención asistencial para garantir a equidade no tratamento do paciente con enfermidades inflamatorias intestinais. Almuiña destacou a participación das asociacións dende o primeiro momento para elaborar un documento de consenso que garanta a calidade da atención e faga máis homoxéneo o proceso de atención destes pacientes.

Así o manifestou o conselleiro esta mañá, durante a inauguración da IV xornada provincial informativa para doentes, familiares e coidadores das patoloxías de Crohn e colite ulcerosa, organizada pola Asociación socio sanitaria de enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados (ASSEII).

No transcurso deste acto, o titular de Sanidade afirmou que habitualmente os pacientes de enfermidades inflamatorias intestinais teñen un seguimento independente por parte de distintos especialistas. Estes especialistas atenden un grupo de patoloxías heteroxéneas que son obxecto de diferentes abordaxes terapéuticas. Esta ruta asistencial permitirá establecer criterios comúns de atención, tratamento e seguimento da enfermidade para calquera profesional de Galicia. O obxectivo é o de establecer un procedemento de atención común e garantir a equidade para todos os pacientes

Segundo dixo o conselleiro, este novo modelo asistencial vai facilitar a competencia progresiva dos pacientes para ter un maior control sobre as decisións que afectan a súa saúde e benestar.

Almuiña quixo tamén destacar a importancia das asociacións de pacientes e do seu traballo e animoulles a continuar na mesma dirección.

Deja un comentario