+034 986 09 02 04 Sábado 11 de Xullo de 2020

A FEDERACIÓN GALEGA DE CONFRARÍAS E AS DA CORUÑA E PONTEVEDRA BENEFÍCIANSE DE 57.000 EUROS PARA GAÑAR EN COMPETITIVIDADE


No marco destes convenios, as tres entidades adquirirán mobiliario e distintos equipamentos ao tempo que realizarán diferentes actuacións para modernizar as súas instalacións e mellorar o seu funcionamento
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinou esta semana cadanseu convenio de colaboración cos presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, Daniel Formoso, e da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas. A través destes convenios a Xunta contribuirá á mellora da competitividade destas entidades do sector pesqueiro cunha achega global de 57.000 euros.

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores disporá de 27.000 euros para modernizar as súas instalacións e equipamentos e adquirir mobiliario diverso para o salón de actos, oficinas e aulas da súa sede. Ademais, ao abeiro do convenio, organizaranse cursos de formación para o persoal das confrarías de pescadores e elaborarase un estudo sobre medidas de prevención de riscos laborais para os profesionais das lonxas.

En canto á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, contará con 15.000 euros para o desenvolvemento e implantación dunha plataforma online para que a federación e as confrarías integradas nela poidan realizar o rexistro de entrada e saída de documentos, o que mellorará o sistema actual adoptando as novas tecnoloxías para modernizar o sistema. O convenio tamén permite a adquisición de dispositivos móbiles para mellorar as xestións da entidade.

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra tamén disporá de 15.000 euros para a adquisición de mobiliario e equipo informático co obxectivo de optimizar o desenvolvemento das súas actividades administrativas. O convenio tamén posibilita a compra dun novo medio de transporte para o uso dos membros dos órganos de goberno desta entidade pontevedresa.

Para o control de cada un destes convenios crearase unha comisión de seguimento, composta por dous membros da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e polo presidente e o secretario de cada unha das entidades. A vixencia desta colaboración é ata o 16 de decembro de 2019.

Deja un comentario