+034 986 09 02 04 Domingo 08 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

MÁIS DE 4.400 PERSOAS PARTICIPARÁN NESTE 2019 NO PROGRAMA DE TERMALISMO DA DEPUTACIÓN “DEPOTERMAL”


O goberno de Carmela Silva vén de aprobar a concesión de prazas para veciñas e veciños de 58 concello da provincia

Esta fin de semana comezan as saídas cun grupo de persoas de Meaño que desde o domingo desfrutarán dunha estancia con pensión completa no Balneario de Mondariz

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación e concesión de prazas do programa Depotermal 2019. Carmela Silva resaltou que todas as persoas que presentaron a solicitude completa e cumprían os requisitos da convocatoria foron aceptadas. Deste xeito, 4.419 persoas de 58 concellos da provincia de Pontevedra se van beneficiar do programa de termalismo impulsado pola institución provincial das cales 1.186 gozarán da modalidade diúrna, coa asistencia durante cinco mañás ou tardes consecutivas a establecementos termais, e 3.233 da estancia con pensión completa durante cinco días.

Tal e como informou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, da comarca de Vigo e dos concellos de Baiona, Fornelos, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda, Soutomaior e Vigo participarán 1.827 na modalidade de estancia con pensión completa e 411 na diúrna. No caso da comarca de Pontevedra e dos concellos de Barro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa serán 380 as que desfruten da estancia con pensión completa e 203 da modalidade diúrna.

Pola súa banda da comarca do Morrazo e dos concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña participarán 319 na estancia con pensión completa e 107 asistirán durante cinco mañás e cinco tardes consecutivas aos establecementos termais. No caso do Salnés e dos concellos de Cambados, O Grove, A Illa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova serán 254 as que gocen da pernocta e 185 das visitas diúrnas. Ao respecto, un grupo de 40 persoas de Meaño serán os que dean este domingo o pistoletazo de saída a “Depotermal 2019”, coa estancia en réxime de pensión completa no Balneario de Mondariz.

Ata 97 persoas da comarca de Caldas e dos concellos de Caldas, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga participarán na modalidade de pernocta e 56 na diúrna. Do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui) serán 82 as e os que gocen da estancia en réxime de pensión completa e 50 das visitas diúrnas.

Da comarca de Deza participarán 79 persoas na modalidade de pernocta e 47 na diúrna pertencentes aos concellos de Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Outras 77 do Condado (Mondariz, As Neves, Ponteareas e Salvaterra) gozarán da estancia con pensión completa en establecementos termais e 16 das visitas diúrnas aos mesmos.

Pola súa banda, da comarca de Terra de Montes (A Estrada e Forcarei) van participar 59 persoas na modalidade de pernocta e 96 na diúrna e da comarca da Paradanta (Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente) 59 na primeira e 15 na segunda.

“Depotermal” trátase dun programa de termalismo dirixido a persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1969. Esta iniciativa ten por obxectivos fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, establecendo novas relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, por medio de movementos que promovan espazos de encontro e intercambio de experiencias.

Deja un comentario