+034 986 09 02 04 Domingo 08 de Decembro de 2019

MORAÑA É O CUARTO CONCELLO DA PROVINCIA QUE MÁIS REDUCIU O DESEMPREGO NOS CATRO ANOS DA PRESENTE LEXISLATURA


O Concello conseguiu que o paro baixara en 219 persoas dende maio de 2015, o que supón un 45,15% e sitúa a desocupación en 266 veciños

 

O Concello de Moraña é o cuarto concello dos 61 da provincia de Pontevedra que máis reduciu o desemprego nos catro anos da presente lexislatura local que está a piques de rematar e que comprenden o período entre maio de 2015 e maio de 2019. Estes datos figuran nunha análise municipal das que se realizan periodicamente para testar a situación económica e laboral do Concello ao abeiro do programa “Doing Bussines” impulsado pola Xunta e ao que se adheríu Moraña hai case quince meses.

O municipio morañés comezou o presente mandato con 485 desempregados, unha cifra que viña derivada da longa crise da primeira metade da década, e conseguiu rebaixar a lista de desocupados en 219 persoas ata situala nos 266 veciños que buscan traballo na actualidade. “Estamos moi satisfeitos de todo o que fixemos no eido da inserción e a empregabilidade nesta lexislatura e os números falan por si sos, pero somos un Concello moi esixente e queremos o mellor para os nosos veciños, polo que imos seguir esforzándonos arreo para tentar que todos teñan a súa oportunidade laboral”, detallou a alcaldesa, Luisa Piñeiro.

Deste xeito, o Concello de Moraña rebaixou o paro nun 45,15% nos últimos catro anos, o que supón a cuarta mellor cifra de toda a provincia, segundo unha relación que encabeza o municipio de Rodeiro cun descenso do 48,69% neste mesmo período.

Ademais, estas cifras sitúan ao municipio 12,51 puntos por enriba do descenso do desemprego rexistrado de media na provincia de Pontevedra e supón unha cifra un
13,01% mellor que a ratio de toda a comunidade galega.

“Só quince concellos da provincia, a cuarta parte do total, conseguimos reducir o paro en máis dun 40% e, dentro dese grupo, nós estamos en cabeza, o que quere dicir que estamos a facer as cousas ben cos nosos plans laborais, Obradoiros de Emprego e a baixa fiscalidade e demais medidas derivadas do ‘Doing Bussines’ polo que funcionamos como Concello Emprendedor”, explicou Piñeiro, que adiantou que vaise
manter esta liña de traballo para os vindeiros anos.

Deja un comentario