+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

PRETO DE 1.200 PERSOAS PARTICIPAN NAS EXCURSIÓNS DO PROGRAMA DA DEPUTACIÓN “EN RUTA COA DEPO 2019”


Veciñas e veciños de 13 concellos percorren esta semana recursos turísticos da provincia grazas ao programa da institución provincial
O programa “En Ruta coa Depo 2019” organiza esta semana 10 novas excursións nas que participarán preto de 1.200 persoas de trece concellos da provincia. En concreto serán 1.188 veciñas e veciños dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Caldas de Reis, Forcarei, Cangas, Vigo, O Grove, Ponteareas, Tui, Pontecesures, Covelo, Vilaboa e A Estrada.
Máis polo miúdo, xa este mércores día 12, 54 persoas do Centro Sociocomunitario de Vilagarcía de Arousa visitan, en Forcarei, o mosteiro de Aciveiro e, en Silleda, o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e a fervenza do río Toxa. Ademais, o domingo 16, 54 persoas da Asociación Amas de Casa e Cultural “A Barcarola” e outras 54 da Agrupación Comarcal de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Pontevedra, tamén farán unha excursión por estes recursos turísticos dos concellos de Forcarei e Silleda.
Tamén hoxe, 54 persoas da Asociación Mulleres Rurais Consumidoras e Culturais “Mar e Agro” farán a Ruta dos Muíños no Rosal e coñecerán a fortaleza de Goián, en Tomiño. O sábado 15, 54 persoas da Asociación de Veciños Agustín Romero de Cornazo farán esta mesma ruta.
O venres 14, serán 108 persoas do Fogar do Maior do Concello de Caldas de Reis as que irán á Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa con degustación e visitarán o Museo da Salga e o xacemento da Lanzada, no Grove. Outras 108 persoas da ANPA O Toural-Vilaboa farán o mesmo percorrido o domingo 16.
Ademais, 54 persoas da Asociación O Can de San Roque coñecerán o sábado 15 o conxunto histórico de Cangas e a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, así como o Museo Massó e cabo Udra en Bueu.
Outras 54 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Santiago-Cangas e 54 persoas da Asociación Veciñal Cultural Recreativa San Mamed de Zamanes irán, o sábado, ao Centro Castrodeza, ao Museo Municipal Ramón María Aller, ao pazo de Liñares e á Casa do Patrón, en Lalín.
Tamén o sábado, 108 persoas da Asociación de Pensionistas e Xubilados do Grove visitarán, en a Guarda, o castro de Santa Trega e, en Tui, o conxunto histórico , o Monte Aloia e o Alto dos Cubos.
Así, ese mesmo día, 54 persoas da Asociación Artístico-Cultural de Guláns farán unha excursión polo parque do río Barosa, en Barro. En Portas irán ao miradoiro do Val, en Valga ao xacemento da igrexa vella de Santa Comba de Louro e en Catoira as Torres do Oeste.
Así mesmo, o sábado, 54 persoas da Asociación Párkinson Baixo Miño coñecerán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés, en Vigo. Tamén realizarán o domingo esta mesma excursión 108 persoas da ANPA Alecrín, da Estrada.
Por último, o domingo, 108 persoas da Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Público a Xunqueira-1 visitarán a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande, en Redondela. Ese mesmo día, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais de Fontecarmoa irán ao santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza, e o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e a Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo. Tamén, 54 persoas da Asociación de Mulleres e FAM Ámbito Fragas do Tea darán un paseo marítimo, irán á Igrexa de San Martiño e visitarán Tirán e a súa contorna recuperada, todo isto en Moaña; e en Vilaboa, as salinas do Ulló.

Deja un comentario