+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

O CENTRO DE SAÚDE DE CALDAS DE REIS DISPÓN DUN NOVO SISTEMA TELEMÁTICO DE XESTIÓN DE QUENDAS PARA O SEU PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA


Esta ferramenta posta en funcionamento pola EOXI de Pontevedra e O Salnés dinamiza os ciclos de chegada dos pacientes, coordinando o seu acceso ademáis de protexer os seus datos

Un novo sistema telemático de xestión de quendas xa funciona no Punto de Atención Continuada do centro de saúde de Caldas de Reis. Esta nova ferramenta, posta en funcionamento pola EOXI de Pontevedra e O Salnés, dinamiza os ciclos de chegada dos pacientes ao PAC caldense, coordinando o seu acceso ademáis de protexer os seus datos.
O sistema telemático de xestión de quendas permite que a persoa que acude a este Punto do centro de saúde acceda coa súa Tarxeta Sanitaria ou DNI empregando este servizo telemático que lle presta o novo punto informatizado e unha pantalla habilitada. Dito punto imprime un código coa consulta á que hai que se dirixir e a quenda correspondente. Cando se chega a sala de espera, a pantalla reflicte eses códigos e indica cando e onde corresponde o inicio da atención. Simultáneamente, o listado de códigos de citas vaise movendo na pantalla cun son de aviso, para alertar o paciente que espera pola súa quenda.
Deste xeito, non se emprega o nome e apelidos do paciente para o chamamento, preservando a súa confidencialidade. Ademais, axúdalle na súa orientación, pois lle aporta a ubicación da consulta concreta, ademáis de evitarlle a incerteza de agardar a que o chamen, ou ben avisar da súa chegada.

Notificación aos profesionais nas súas consultas
Así mesmo, este novo sistema telemático de xestión de quendas notifica telemáticamente aos profesionais dentro da súas consultas a chegada do paciente ao Punto de Atención Continuada do centro de saúde de Caldas de Reis, o que lles permite chamalo directamente para que acceda a recibir asistencia. Esta ferramenta tamén simplifica os trámites no caso de que sexa necesaria a atención dobre de Facultativo e de Enfermaría, xa que o sistema permite a emisión dunha dobre cita para un mesmo paciente no PAC.

Deja un comentario