+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O CONCELLO ORGANIZA UNHA VIAXE A MUXÍA PARA O COLECTIVO DOS MAIORES


Está orientada a empadroados maiores de 65 anos, pensionistas dende 55, viúvas con 60 anos e persoas con discapacidade psíquica

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de pechar a organización dunha viaxe a Muxía e á bisbarra da Costa da Morte adicada ao colectivo dos maiores do municipio no marco das accións socioculturais e de fomento de relacións da veciñanza. Esta excursión terá lugar o sábado 6 de xullo durante todo o día e a inscrición, con prazas limitadas e por orde de inscrición, permanecerá aberta ata o día 4.

As persoas interesadas en participar terán que pagar unha cota de 15 euros, que inclúe o desprazamento, o almorzo e as visitas, e poden formalizar a súa participación no Departamento de Servizos Sociais os martes e venres de 9.30 a 13.30 horas ou a través dos números de teléfono
986 760001 ou 986 753006.

Esta excursión está orientada exclusivamente a veciños empadroados en Cerdedo-Cotobade con máis de 65 anos e pensionistas dende 55 anos, así como os cónxuxes de ambos, viúvas dende 60 anos e persoas con discapacidade psíquica, aínda que neste último caso terán que acudir acompañadas.

A excursión partirá ás 7.45 horas de Carballedo cunha parada en Tenorio quince minutos despois e tamén terá saída en Cerdedo, igualmente ás 7.45 horas. Farase unha parada no camiño ata chegar a Camariñas, onde haberá tempo de lecer para coñecer a vila, famosa polos seus encaixes, Posteriormente, o convoi dirixirase á vila pesqueira de Muxía, onde se visitará o famoso Santuario da Virxe da Barca e a emblemática Pedra de Abalar, e a continuación ata Cee para o almorzo. Finalmente, haberá visitas a Fisterra e a Ézaro, para coñecer a única fervenza de toda Europa que desemboca no mar.

Deja un comentario