+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

O CONCELLO DE MORAÑA ACORDA A CORTA DE MADEIRA EN OUTEIRO PARA ACTIVAR O ENSANCHE DO VIAL CARA A TORRE


A alcaldesa definiu cos propietarios afectados o formato e os prazos destes traballos previos nunha xuntanza nos propios terreos

 

O Concello de Moraña acaba de acordar a corta de madeira afectada pola obra de ensanchamento e mellora viaria en Outeiro, na parroquia de Amil, nunha reunión celebrada nos propios terreos entre a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e os propietarios das árbores. Deste xeito, sálvase o derradeiro escollo para acometer esta actuación, que foi adxudicada a Covsa por 69.722 euros e que xa ten estaquillada a franxa de terreo que permitirá a ampliación desta pista nos seus 437 metros cara o lugar de A Torre.

A rexedora local definiu cos donos das árbores e da madeira o formato e os prazos destes traballos previos de corta, de xeito que algúns propietarios procederán a talar ás arbores para quedarse coa súa leña nas dúas vindeiras semanas, mentres que a maioría non está interesado, polo que se encargará a súa eliminación para poder ensanchar o vial, que actualmente conta con catro metros, e corrixir o perfil de varias curvas.

O resto das obras, que comezarán neste mes de xuño, consistirán na renovación da capa de rodadura e a mellora da sinalización e a drenaxe.

Luisa Piñeiro indicou que, de xeito paralelo a esta mellora viaria na contorna de Outeiro –pertencente ao Plan Concellos–, tamén van comezar neste mesmo mes a reforma viaria con construción de senda peonil en Chan de Amil, do Plan Deporemse, e a mellora de pistas da parroquia de Rebón, que beneficiará a 2,5 quilómetros dos lugares de Rebón de Arriba, O Calvo e San Pedro e incluirá a humanización do acceso á igrexa parroquial.

En total, vanse investir 315.000 euros nestas tres actuacións, que comezarán neste mes e se desenvolverán durante todo o verán co obxectivo de que estean listas para o próximo outono.

Deja un comentario