+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A SERRA DO SUÍDO ACOLLE ESTE DOMINGO A ÚLTIMA DAS RUTAS ORNITOLÓXICAS DA DEPUTACIÓN “VOANDO NAS RÍAS BAIXAS 2019”


 

Con todas as prazas esgotadas, este percorrido polas comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta permitirá coñecer as súas principais especies de aves como as grandes rapaces

Un grupo de 25 persoas participará este domingo, 16 de xuño, a partir das 10.00 horas, na última ruta ornitolóxica do programa “Voando nas Rías Baias 2019” que, neste caso, levará ás persoas participantes á Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo. Esta proposta, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife e esgotou en pouco máis dunha hora as prazas ofertadas, percorrerá os concellos da Lama, Fornelos e Covelo para observar aves rapaces e especies migratorias procedentes de África.

A Serra do Suído, situada entre as comarcas de Pontevedra, Vigo e A Paradanta é un sistema montañoso de alto valor ecolóxico, con elevada presenza de aves rapaces e lobo ibérico. A súa principal característica son as altiplanicies nas que abundan os pastizais, monte baixo de brezos, toxos e carquexas e zonas baixas con vales, cursos de auga e bosques autóctonos. Nestas datas do ano a Serra do Suízo é ideal para observar grandes rapaces como o voitre leonado, a águia calzada, o abelleiro europeo, a águia cobreira ou o miñato. Amais, existen exemplares de tartaraña cincenta, gatafornela, lagarteiro común, falcón peregrino, picanzo vermello e tordo charlo. Para poder observar todas as especies, a Deputación pon a disposición das 25 persoas participantes prismáticos, telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar de aves sen molestalas e unha guía de aves. Amais, estarán acompañadas de dúas monitoras ornitólogas.

Con esta ruta pola Serra do Suído remata a edición do 2019 do programa de ornitoloxía “Voando nas Rías Baixas”. En total, entre xaneiro e xuño e nas cinco rutas propostas, participaron 125 persoas que puideron coñecer as diferentes especies de aves percorrendo o Esteiro do Río Miño, a Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor; a Enseada de San Simón na Ría de Vigo a Reserva Ornitolóxica do Grove e o as Brañas de Xestoso entre Terra de Montes e Deza.

Deja un comentario