+034 986 09 02 04 Luns 24 de Xuño de 2019

O CONCELLO ABRE A ADQUISICIÓN DOS TIQUES DO SAN XOÁN ATA O MARTES 18 E AGARDA UN MILLEIRO DE ASISTENTES


As persoas interesadas en participar deben mercar os convites da cea, consistente en sardiñas, churrasco, pan e viño, a un prezo de 5 euros

O Concello de Cerdedo-Cotobade está a traballar intensamente nestes días para ultimar todos os detalles organizativos da festa de San Xoán de Cerdedo, que se celebrará na noite do domingo 23 de xuño e que, como é habitual pola súa fonda tradición, prevé contar cunha asistencia multitudinaria por parte da veciñanza e de moitos visitantes. En principio, agárdase a presenza un milleiro de persoas, que é a cifra máxima de prazas habilitada polo Concello.

As persoas interesadas en participar deben mercar os seus tiques para a cea, que teñen un prezo de 5 euros, nas oficinas municipais de Cerdedo ou Carballedo ata o vindeiro martes 18. Cómpre sinalar que os cativos menores de 12 anos poderán cear gratuitamente e que, en caso de que queden prazas libres despois desa data, seguiranse expedindo tiques nos días posteriores.

A mítica festa, que comezará ás 21.30 horas, ofrecerá un menú a base das tradicionais sardiñas asadas, churrasco, pan e viño. Posteriormente, e xa a partires da medianoite, procederase á tradicional queima do meigallo nun gran lumeiro e a gozar da animación músical coa discoteca móbil On By Chito.

Nestes días, o Concello estase afanando nos preparativos na contorna da praia fluvial, que é onde terá lugar, coma sempre, esta festa tradicional para que o espazo estea en perfectas condicións. Ademais, e por terceiro ano consecutivo, os asistentes volverán a gozar do San Xoán con moita comodidade despois de que o Concello se dotara de mesas e bancos, que era unha das principais peticións dos veciños e á que se dou cumprida resposta por parte do goberno local.

Deja un comentario