+034 986 09 02 04 Luns 11 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PON FIN AO PROGRAMA “VOANDO NAS RÍAS BAIXAS” CUN ÉXITO ABSOLUTO E REVALIDANDO A SÚA APOSTA POLO MEDIO AMBIENTE


A última ruta, que discorreu este domingo pola Serra do Suído, permitiu achegar ao público a riqueza ornitolóxica dos concellos da Lama, Fornelos de Montes e Covelo

A iniciativa, que se celebra por segundo ano consecutivo, está enmarcada no Plan Estratéxico de Turismo e busca desenvolver un turismo máis sustentable e respectuoso

A Deputación de Pontevedra puxo fin este domingo á segunda edición do programa de rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas” cun éxito rotundo. Trátase dunha iniciativa gratuíta enmarcada nas propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo que pretende sensibilizar á poboación local sobre a preservación de espazos naturais protexidos e desenvolver un turismo desestacionalizado, máis amigable, máis sustentable e máis respectuoso co Medio Ambiente.

Máis polo miúdo, o obxectivo do goberno de Carmela Silva coa posta en marcha desta acción é poñer en valor os recursos naturais, así como o desenvolvemento turístico e económico sostible dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmos. Neste eido, o coñecemento práctico do patrimonio natural da provincia achega unha maior sensibilidade e conciencia ambiental á poboación o que provoca unha maior riqueza cultural. Amais, o turismo ornitolóxico, no que se enmarca esta iniciativa da Deputación, é unha acción que desestacionaliza o destino provincia de Pontevedra e esperta un grande interese especialmente entre o público anglosaxón e centroeuropeo.

“Voando nas Rías Baixas”, actividade que impulsa a institución provincial en colaboración con SeoBirdLife, acadou este ano un éxito absoluto nas cinco rutas ofertadas con todas as prazas esgotadas. Esta mañá tivo lugar a última das rutas pola Serra do Suído, situada nas comarcas de Pontevedra, Vigo e A Pardanta, e na que o público puido coñecer de primeira man a riqueza ornitolóxica dos concellos da Lama, Fornelos e Covelo.

Con esta ruta pola Serra do Suído púxose fin á edición de 2019 do programa, que comezou o 20 de xaneiro no Esteiro do Río Miño e Foz da Ramallosa no Baixo Miño e no Val Miñor e continuou o 10 de febreiro pola Enseada de San Simón na Ría de Vigo, o 3 de marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove e o 19 de maio polas Brañas de Xestoso. Pola súa banda, no que respecta á vindeira edición está previsto que se faga unha aposta aínda maior polo turismo ornitolóxico revalidando a aposta da Deputación de Pontevedra polo Medio Ambiente. Así, volverán a ofrecerse rutas por zonas de alto valor ecolóxico, que contan con figuras de protección tan importantes como a Rede Natura 2000, impulsando, respectando e poñendo en valor os recursos naturais da provincia.

Deja un comentario