+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Agosto de 2019

A XUNTA ACHEGARÁ MÁIS DE 500.000 EUROS PARA MELLORAR AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DE MIRALLOS NO CONCELLO DE MORAÑA


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o secretario xeral para o Deporte e a alcaldesa de Moraña asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución desta actuación que prevé a construción dunha nova bancada e un gimnasio
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro Arcos, asinaron esta mañá o convenio de colaboración que permitirá mellorar as instalacións deportivas de Mirallos, no Concello de Moraña. O convenio asinado esta mañá prevé un orzamento de máis de 500.000 euros, que serán abonados pola Administración autonómica e que permitirán levar a cabo unha remodelación completa do campo de fútbol de Mirallos e mellorar os accesos desde a súa contorna.

Grazas a esta actuación acometerase unha mellora integral das actuais infraestruturas do campo de fútbol, sede oficial do Moraña CF e punto de encontro de referencia para os veciños do concello e mesmo tamén para o resto da contorna, xa que alberga numerosos eventos deportivos a nivel provincial.

Grazas a esta intervención, o campo contará cun novo espazo de bancadas con capacidade para 300 espectadores, vestiarios remodelados e modernos, un bar-cafetaría con vistas panorámicas ao terreo de xogo e unha sala de ximnasio, explicou a conselleira. Así mesmo, dado o carácter integral da obra, tamén está previsto actuar na contorna do campo de fútbol, habilitando un circuíto de footing en todo o perímetro, instalando un novo sistema de rego e garantindo accesos mellorados.

Actuacións no 40% dos concellos galegos
A participación da Consellería de Medio Ambiente na remodelación integral do campo de fútbol de Moraña enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha pola Xunta no ano 2010 para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público e común. Grazas ao Plan hUrbe son xa 200 as intervencións executadas en 125 concellos, o que significa que no período 2010-2018 actuouse case no 40% dos municipios de Galicia.

De feito, esta non é o primeiro proxecto no que colabora a Consellería co Concello de Moraña a través deste programa. Así, Vázquez Mejuto lembrou que xa no ano 2016 o seu departamento destinou preto de 270.000 euros á reparación da cuberta do antigo mercado municipal, unha intervención que permitiu a súa reutilización para novos usos culturais.

Deja un comentario