+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

EQUINA 2019 ARRANCA MAÑÁ TRES DÍAS DE INTENSA ACTIVIDADE CON CATRO IMPORTANTES COMPETICIÓNS ECUESTRES


INCLUIRÁ O V CAMPIONATO DE ESPAÑA PURA RAZA ESPAÑOLA-ANCCE DE GALICIA, A COPA ACCEGA E O I TROFEO XUNTA DE GALICIA-MEDIO RURAL DE DOMA CLÁSICA E TAMÉN A OITAVA PROBA DO CAMPIONATO GALEGO DE ENGANCHES

O evento ecuestre Equina 2019, organizado pola Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, pon en marcha mañá tres días de intensa actividade nos que se desenvolverán catro importantes competicións hípicas.

O V Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal se disputará durante todos os días, será o eixo central do evento. Trátase dunha proba morfofuncional na que se valorará tanto a morfoloxía dos exemplares como os seus movementos e que será clasificatorio para a final do Campionato do Mundo, a cal será en Sevilla no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB) entre o 19 e o 24 de novembro. Competirán preto de 140 exemplares de ganderías de dez comunidades autónomas, como son Galicia, Asturias, País Vasco, Cantabria, Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha, Extremadura, Cataluña e Andalucía.

Este campionato comezará mañá ás 10.30 horas, desenvolvéndose ao longo de toda a xornada as seccións de poldras e poldros de 1 a 3 anos e tamén as de eguas e cabalos máis novos que participarán nas probas de funcionalidade ao día seguinte. Esta competición continuará o sábado e o domingo.

Celebrado baixo o regulamento da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), o concurso será emitido pola web desta entidade, a cal volverá estar presente cun stand promocional no evento.

Outras tres competicións

Ademais deste V Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, Equina 2019 acollerá dúas probas de doma clásica. Serán a XXI Copa Accega e o I Trofeo Xunta de Galicia-Medio Rural de Doma Clásica. Neste último, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural, participarán máis de 40 binomios procedentes tanto de Galicia como doutros puntos de España, entre eles Salamanca, Madrid, Valladolid ou Santander. Celebraranse o segundo día do evento, o sábado.

A estas competicións sumarase o domingo a oitava xornada de liga do Campionato Galego de Enganches. Organizada pola Federación Galega de Enganches, contará cunha alta participación que ademais supón unha cifra récord no marco deste evento ecuestres, xa que serán máis de 50 os coches de cabalos que saian a pista.

A proba incluirá seis modalidades, que serán Mini Poni, Veteranos, Categoría Libre, Sulky, Limonera e Troncos. Nestas dúas últimas será onde se sitúe o groso da proba. Os participantes chegarán desde distintos puntos de toda Galicia.

Deja un comentario