+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

RAFA DOMÍNGUEZ PONLLE DEBERES AO BIPARTITO: SEIS PRIORIDADES PARA SEIS MESES


A implantación do transporte público, o pago das subvencións a clubs deportivos, plan de choque para os barrios e para as parroquias, a elaboración dunha novo PXOM e a adhesión ao Plan de Concellos Emprededores son as seis medidas máis urxentes para os populares

Os populares poñen “deberes ao bipartito para o próximos seis meses”. Trátase de seis medidas que consideran máis urxentes para o Concello de Pontevedra. “Seis prioridades que teñen que poñerse en marcha antes de que acabe o 2019”, matizou o portavoz popular, Rafa Domínguez, durante a comparecencia desta mañá na que estivo acompañado polo concelleiro, Pablo Fernández.

“Lores está canso, está claramente nun fin de ciclo, pero Pontevedra non pode esperar máis, por iso desde a oposición imos poñer sobre a mesa varios temas fundamentais para a nosa cidade”, destacou o portavoz popular.

Así, como primeira medida apuntan á implantación de transporte público para o que é necesario traballar desde tres perspectivas. Por unha banda, a creación dun transporte que dea servizo no centro urbano de Pontevedra porque “un veciño de Mollabao ten dereito a coller un bus que o leve ata A Parda”, apuntou Domínguez. Ademais, o transporte público debe chegar tamén ás parroquias para que “os veciños poidan desprazarse ao centro”. E en terceiro lugar, é fundamental a adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano como “eixo vertebrador”. “Outros concello como Lugo, Santiago ou Coruña, doutras cores políticas integráronse perfectamente neste Plan”, sinalou o líder popular tras lembrar que esta adhesión permitiría aos pontevedreses beneficiarse de descontos de ata o 70%, transbordos gratuítos, viaxes gratis para menores de 19 anos e bonificacións para familias numerosas e usuarios recorrentes. Domínguez matizou ademais que “o bus a Monte Porreiro, o único que funciona, debe ter unha rebaixa inmediata”.

A segunda medida fai referencia ás subvencións aos clubs deportivos. “Imos esixir que se paguen todos os atrasos da forma máis rápida posible”, apuntou Domínguez tras lembrar que son “clubs que coidan dos nosos fillos e que levan o nome de Pontevedra alá por onde van”. “Imos ser moi incisivos porque non se poden permitir atrasos nos pagos, sen explicacións, e sobre todo cando o Concello ten capacidade económica para resolvelo sen problema”, puntualizou.

En terceiro lugar, un plan de choque nos barrios. “O modelo urbano ten que seguir extendiendose aos barrios e non nos valen xeneralidades, queremos plans concretos”, sinalou o edil popular. “ Mollabao, Monte Porreiro, A Parda, A Seca e San Roque necesitan actuacións urxentes”, sinalou.

A cuarta medida é un plan de choque nas parroquias. “Están absolutamente abandonadas. Estou ansioso por ver os 100 millóns de euros que prometeu Lores para o rural porque o único que vimos é que tiveron que pedir 1,5 millóns agora para as actuacións”, destacou Domínguez que lembra que “o saneamento é fundamental e debería chegar ao 100%; pero tamén é necesario limpeza, roza, recollida de lixos, asfaltado, transporte….”. “Non nos chega con que lle dean ás parroquias lombos e compost, os veciños necesitan outras cousas”, engadiu.

O concelleiro Pablo Fernández foi o encargado de presentar as medidas que ten “un claro compoñente económico e de emprego”. A elaboración dunha novo PXOM, é a quinta medida. Neste sentido, Fernández lembrou que “o plan actual aprobouse o mesmo ano en que caeu o muro de Berlín, cando era alcalde Rivas Fontán e curiosamente Lores foi o único que votou en contra”. “Esta cidade merécese un plan que mire cara ao futuro e non 30 anos cara atrás. Necesitamos un plan que nos indique onde instalar as nosas empresas, non coa visión dos anos 80 do século pasado, senón coa visión do ano 2020”, sinalou. “O Plan Xeral é moito máis que a clasificación do chan. É un elemento coordinador do territorio; un soporte de seguridade xurídica para empresarios e veciños; unha guía de crecemento máis lóxico e vixente; e un apoio para a atracción de emprego e de empresas”, puntualizou.

E por último, a sexta medida apunta á adhesión de Pontevedra ao Plan de Concello Emprendedores. Unha medida urxente que favorecería a creación de empresas, é o antigo Doing Bussines. “Imos con case dous anos de atraso neste tema a pesar de que o principal problema de Pontevedra é o paro”, apuntou Pablo Fernández. “Para o BNG de Lores o emprego non foi unha prioridade, de feito no acordo co bipartito delegou ao PSOE a área de Promoción Económica e no seu acordo non se citou nin unha só medida concreta para o fomento do emprego”, sinalou. No 2018, Pontevedra foi a cidade que menos empresas creou, polo que os populares entenden que “temos que darlle unha volta”.

Para ser un concello emprendedor é necesario adquirir o compromiso de unirse ao convenio asinado pola Fegamp e a Xunta de Galicia que implica máis simplificación administrativa: bonificacións no IBI, IAE e ICIO; máis facilidades de acceso a chan industrial concedendo licenzas en 30 días; e máis incentivos fiscais. Actualmente hai 122 concellos emprendedores en Galicia de todas as cores políticas como Cambados, Vilagarcía, Mos ou Salvaterra. “Son exemplos de concellos onde os seus alcaldes si cren que atraer emprego ao seu municipio si é labor dun alcalde”, sentenciou.

Trátase de seis medidas, seis prioridades que consideramos urxentes e necesarias para Pontevedra.

Deja un comentario