+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

MOZOS DE CERDEDO-COTOBADE REMATAN A LIMPEZA, MANTEMENTO E POSTA EN VALOR DO ROTEIRO DO FOXO DO LOBO


Os participantes recibiron a Jorge Cubela e explicáronlle esta actividade, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude

Un grupo de mozos de Cerdedo-Cotobade veñen de rematar a execución do seu proxecto cultural consistente na limpeza, mantemento e posta en valor do Roteiro do Foxo de Lobo de Arufe (Loureiro) e que se enmarca nas actividades das Letras Galegas 2019 na honra de Antonio Fraguas, que foi un gran estudoso desta monumental trampa para cánidos na súa parroquia natal de Loureiro.

Esta actuación, financiada como iniciativa local para a mocidade pola Dirección Xeral de Xuventude con 15.000 euros, está practicamente concluida e só resta o acto oficial de clausura, que terá lugar mañá. Con motivo do remate destes traballos, o alcalde, Jorge Cubela, foi recibido polos mozos, que lle explicaron a actividade e recibiron os parabéns do rexedor.

“O grao de implicación de toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade neste gran ano cultural para o noso concello da man do noso Fillo Predilecto Antonio Fraguas está a ser extraordinaria e refrenda o noso liderado nas Letras 2019”, explicou o alcalde.

Cómpre sinalar que esta iniciativa local de xuventude, impulsada pola Consellería de Política Social, pretende fomentar actividades de educación non formal no ámbito local e impulsar a creatividade e a inclusión laboral.

Deja un comentario