+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

MORAÑA ACTIVA O SEU PLAN DE CONCILIACIÓN ESTIVAL CUNHA LUDOTECA MATINAL DE CARÁCTER GRATUÍTO EN XULLO E AGOSTO


Os nenos poden inscribirse dende o luns, 24 de xuño, en quendas semanais, quincenais ou mensuais e as prazas son limitadas

 

O Concello de Moraña vén de activar o seu plan de conciliación estival para atender aos cativos no seu período vacacional cunha actividade principal que será unha ludoteca en horario matinal con carácter gratuíto que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto.

As familias que estean interesadas en inscribir aos nenos poderán facelo a partires do vindeiro luns, 24 de xuño, na Casa da Cultura e poderán formalizar a súa matrícula en quendas semanais, quincenais ou mensuais segundo as súas necesidades. Cómpre sinalar que as prazas son limitadas aínda que en principio sempre se cubre toda a demanda, que soe situarse nuns 80 rapaces cada verán.

A ludoteca, que estará atendida polos correspondentes monitores, desenvolverase de luns a venres agás os días festivos de 9.00 a 14.00 horas. A actividade estará centralizada na Casa da Cultura con xogos, obradoiros ou manualidades, aínda que tamén haberá moitas saídas ás piscinas para prácticas acuáticas e de natación e ao pavillón municipal para o deporte.

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, destacou a importancia desta ludoteca “para atender e seguir formando aos noso cativos durante o verán ao tempo que se facilita a conciliación das familias, ben para que poidan acudir ao traballo ben para favorecer o acougo e respiro dos pais”.

Así mesmo, o Concello tamén está comezando a preparar o Plan Madruga, que consiste na atención aos nenos na franxa horaria anterior á súa entrada no colexio. Esta outra medida de conciliación comezará a funcionar co vindeiro curso escolar o 11 de setembro cun horario de 8.00 a 9.15. A inscrición abrirase o 1 de setembro e o prezo será de 25 euros mensuais e de 30 con almorzo. As prazas son limitadas pero tamén
se atende a todos os cativos, que o pasado curso roldaron la quincena.

Deja un comentario