+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

PORTOS DE GALICIA REALIZA ACTUACIÓNS DE MANTEMENTO POR MÁIS DE 60.000 EUROS EN INSTALACIÓNS DE MADEIRA DA COSTA DE PONTEVEDRA


O ente público está a desenvolver traballos de conservación nos paseos portuarios de Beluso, Panxón, Raxó e Meloxo e nas estacións marítimas de Baiona e Vilanova de Arousa

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar varias actuacións de mantemento en paseos portuarios e estacións marítimas de madeira da provincia de Pontevedra, ás que destina un orzamento de máis de 60.000 euros. A intervención de maior calado estase a realizar no paseo portuario de Beluso, en Bueu, con máis de 20.000 euros de investimento, mentres que os traballos na estación marítima de Baiona contan cun orzamento que supera os 13.000 euros.

O ente público tamén está a facer labores de mellora nos paseos portuarios de Panxón, en Nigrán, por máis de 11.000 euros, no de Raxó, no concello de Poio, por 6.600 euros, e no de Meloxo, no Grove, por case 6.000 euros, así como na estación marítima de Vilanova de Arousa, cun orzamento de 3.500 euros. Precisamente, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou recentemente o porto de Raxó para supervisar os labores que se están a realizar nesta zona.

No caso das estruturas de madeira dos paseos portuarios, as actuacións céntranse nas varandas e no entaboado do chan. Primeiro procédese a unha limpeza profunda con auga, empregando unha máquina hidrolavadora, e unha vez secas aplícaselles un tratamento para favorecer a súa conservación. As actuacións nas estacións marítimas, pola súa banda, consisten no lixado de toda a madeira e a aplicación de varias capas de tratamento, concretamente vernices.

Os traballos que está a realizar o ente público nas construcións de madeira da costa de Pontevedra teñen como obxectivo principal a súa conservación e mantemento, o que permitirá alongar a súa vida útil. Portos de Galicia tamén vén desenvolvendo este tipo de accións nas outras dúas provincias con litoral da comunidade.

Deja un comentario