+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN REHABILITA O ASFALTO DE VARIAS ESTRADAS PROVINCIAIS EN BAIONA E GONDOMAR


Os traballos inclúense no Plan de Conservación de Firmes do departamento de Mobilidade, cun orzamento de máis de 800.000 euros para a zona

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, está a realizar nestes días as obras de saneo do firme de varias estradas provinciais dentro dos concellos de Baiona e Gondomar. Concretamente estase a rehabilitar as calzadas da EP-2202 Baiona-Loureza, en Baiona, e da EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada. Posteriormente acometeranse melloras tamén nas EP-22010 Baiona-Bahiña-Fontes e na EP-2305 do ramal cara A Granxa. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes plurianual que comezou no pasado exercicio.

O obxecto destas actuacións en Baiona e Gondomar é realizar as obras de reparación necesarias para mellorar a seguranza viaria. O persoal provincial do departamento de Mobilidade detectou nas súas inspeccións que nalgúns puntos destas estradas había fochancas ou algunhas fendas será preciso proceder ao fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Estes traballos, segundo está previsto, realizaranse durante esta semana e a seguinte para despois repoñer a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, , símbolos e frechas na calzada).
Coa mellora do firme na EP-2202 inícianse no Concello de Baiona inícianse as actuacións do 2019 ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Val Miñor. A fórmula do contrato marco para a renovación e reparación das estradas supón unha xestión áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias por parte dos vixiantes provinciais. Os proxectos de actuación son sempre puntuais, acoutados a un treito concreto e xustificados, e en ningún caso se mellora a totalidade da lonxitude dunha estrada, xa que esa actuación requiriría dun proxecto completo e doutro procedemento administrativo.
O Plan de Conservación de firmes divide a provincia en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son responsables das obras. No ‘Lote D’ inclúense os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra de Miño cun investimento de licitación de 802.313,15. O orzamento chega ata os 4,4 millóns de euros para toda a provincia.

Deja un comentario