+034 986 09 02 04 Sábado 11 de Xullo de 2020

O PLENO DE SOUTOMAIOR DESIGNA As súas COMISIÓNS E REPRESENTANTES PARA O PRÓXIMOS CATRO ANOS


O vogal do grupo popular, Ramón Fernández, asume a tenencia de alcaldía en substitución de Dores Cernadas
A corporación municipal de Soutomaior celebrou primeiro pleno do mandato tras as eleccións do pasado 26 de maio. A xunta tiña como obxectivo designar os integrantes das diferentes comisións informativas permanentes, así como a comisión de goberno e as retribucións dos participantes.
Así, o pleno acordou a creación de cinco comisións informativas sobre Obras, Urbanismo, Servizos e Medio Ambiente; Mocidade, Cultura e Participación Veciñal; Réxime interior e persoal; Igualdade, Benestar Social, Educación e Sanidade e unha última destinada ao control do tráfico no municipio. Todas as comisións contan con 7 representantes designados baixo o sistema de voto ponderado, polo que contarán con 4 membros do Partido Popular e 3 do Bloque Nacionalista.
No relativo ás retribucións dos novos edís, o pleno aprobou unha contía de 75 euros por asistencia ao pleno por representante, a mesma que se destina aos membros da comisión de goberno. No caso da participación nas comisións informativas a retribución é de 50 euros. “Somos un concello moderado no gasto e por iso as retribucións están na zona baixa en relación ao resto de concellos da provincia”, explicou o alcalde, Agustín Reguera, que indicou que el tamén seguirá co mesmo soldo que o mandato anterior.
Do mesmo xeito, o pleno designo como representante da corporación nos consellos escolares dos centros educativos do municipio á edil de educación, Fátima Vidal, que “continuará exercendo esta función tras os bos resultados obtidos nesta área nos últimos anos”, destacou Reguera.
Por último, a corporación municipal tamén acordou a periodicidade na celebración dos plenos ordinarios que, de acordo á lei, celebrarase o último xoves de meses alternos á unha do mediodía, ademais da constitución dos grupos políticos da corporación e os seus vogais. Neste sentido, o popular Ramón Fernández asumirá as funcións de tenente alcalde ademais das de vogal do Partido Popular. O candidato nacionalista, Manu Lourenzo, será o vogal do BNG na corporación municipal.

Deja un comentario