+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE ASINA O CONVENIO PARA A ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTO NA ZONA DEPORTIVA DAS CANTEIRAS, EN CUNTIS POR IMPORTE DE MÁIS DE 10.000 EUROS


En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello pontevedrés de Cuntis onde asinou co seu alcalde, Manuel Campos, o convenio para acometer a adquisición de equipamento deportivo para as instalacións deportivas no lugar de As Canteiras.

A zona deportiva no lugar de As Canteiras atópase con necesidade de renovar o seu equipamento deportivo, sendo unha zona municipal referente en canto a volume de utilización por parte dos veciños polo que esta actuación mellorará o seu uso pola veciñanza. O importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio ascende á cantidade de 10.160,16 euros que serán achegados de xeito íntegro pola Xunta de Galicia.

O secretario xeral valorou a importancia desta aposta decidida polo deporte para todos os cidadáns e cidadás de Cuntis e sinalou que a actuación beneficiará dun xeito particular aos nenos e nenas da localidade xa que nesta pista realízanse diversas probas do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). De feito, o pasado 14 de marzo leváronse a cabo os clasificatorios para a Final Provincial de Atletismo do 28 de maio no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Nestes clasificatorios disputados nas pistas de atletismo de Cuntis participaron un total de 228 rapaces e rapazas de sete centros educativos de Cuntis, Moraña e A Estrada.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.

Deja un comentario