+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

O CUARTO MARATÓN M-STARLIGHT REUNIRÁ ESTE SÁBADO NAS ILLAS ATLÁNTICAS A MÁIS DE 50 AFECCIONADOS Á FOTOGRAFÍA NOCTURNA


O Parque Nacional galego é un dos 29 escenarios escollidos en todo o mundo para a celebración deste certame internacional, o único que se realiza nunha soa noite

Máis de medio cento de fotógrafos afeccionados de distintos países congregaranse durante esta fin de semana no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia para participar no IV maratón fotográfico M-Starlight, un certame internacional que ten por obxecto premiar as instantáneas que mellor capten a beleza e a singularidade dos ceos nocturnos co fin de concienciar sobre a protección deste tipo de paisaxes fronte á contaminación luminosa.

O arquipélago das Illas Atlánticas será un dos 29 escenarios de España, Portugal, Canadá e Chile que acollerán de forma simultánea a celebración do maratón, no que este ano están inscritos máis de 1.250 especialistas internacionais en fotografía nocturna. Estes destinos foron escollidos pola organización entre todos os espazos que contan co selo Starlight, un distintivo avaliado pola Unesco e que acredita a riqueza das paisaxes nocturnas naturais.

Os participantes terán que tomar as súas imaxes obrigatoriamente entre a posta de sol de mañá, sábado, e o amencer do domingo, un requisito que converte o Maratón M-Starlight no único concurso internacional de fotografía nocturna que se realiza concentrado nunha soa noite. As instantáneas deberán ter sempre o ceo como protagonista e estar relacionadas con algún dos tres temas propostos pola organización no eido da fotografía nocturna e os astros celestes. Concretamente, nesta ocasión unha das temáticas xirará arredor do título Noite máxima, o segundo tema terá o lema Frío nocturno e o terceiro, será desvelado polo xurado hoxe mesmo.

De forma paralela ao concurso, a dirección do Parque Nacional ofertará toda unha serie de actividades lúdicas, divulgativas e de formación abertas tanto aos fotógrafos que pasen a fin de semana no arquipélago, como aos seus acompañantes ou calquera outra persoa que queira gozar das estrelas nestes paraxes únicos. Concretamente, este ano o programa centrarase na illa de Ons, e constará dun curso de iniciación á Fotografía Nocturna que comezará hoxe e de varias charlas e actividades que se impartirán con carácter previo ao inicio do maratón, mañá sábado.

De entre todas as imaxes recibidas, o xurado, integrado por fotógrafos, astrónomos e outros profesionais do sector, seleccionará aquelas series máis creativas e impactantes, outorgando aos seus autores tres premios e dous accésit. Os participantes terán ata o 1 de setembro para enviar as súas instantáneas, un máximo de tres e que deberán ser inéditas e non poderán presentar ningún tipo de alteración dixital, máis alá dalgún retoque para mellorar a luminosidade, o contraste, a saturación, o ton e o balance de brancos.
As Illas Atlánticas, destino Starlight desde 2016
O Parque Nacional das Illas Atlánticas foi declarado destino turístico Starlight no ano 2016, de aí a importancia de iniciativas coma esta, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e contribuír a preservalos como auténticos oasis de escuridade.

Desde entón, o número de actividades relacionadas coa observación das estrelas nas Illas Atlánticas non deixou de medrar e de feito, o ano pasado un total de 23.662 persoas visitaron o arquipélago para participar nalgún dos eventos promovidos por entidades de divulgación astronómica, en colaboración coa dirección do parque nacional.

Estes destinos, avaliados pola UNESCO e recoñecidos pola Fundación Starlight -organismo de ámbito internacional vinculado ao Instituto Astrofísico de Canarias-, son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para actividades turísticas baseadas neste recurso natural. Neste sentido, o selo Starlight permite axuntar ciencia e turismo a través da astronomía e da visión do firmamento como ferramentas para fomentar unha nova forma de turismo intelixente.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu tamén a finais de 2015 a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo co desenvolvemento dunha actividade turística de calidade. Desde entón, a dirección do parque traballa coas empresas que colaboran na carta para desenvolver produtos turísticos baseados na contemplación do ceo e as estrelas.

Deja un comentario