+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

OS TRAZANTES DE TENORIO PRESENTAN O SEU 35º ANIVERSARIO E A X MOSTRA DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL


O festival será o 20 de xullo coas actuacións de Ceifeiras Campinos, Seixos Albos, Xacarandaina, As Cantigas de Elena e Son das Tabernas

Os Trazantes de Tenorio, coa colaboración do Concello de Cerdedo- Cotobade, veñen de presentar os actos do seu 35º aniversario e da X Mostra de Música e Baile Tradicional, que se celebrará neste mes de xullo, nun acto na ponte colgante de Calvelo que contou coa presenza dunha representación desta agrupación cultural e do alcalde, Jorge Cubela.

Os Trazantes, un dos grupos tradicionais máis lonxevos e prestixiosos da provincia de Pontevedra, queren conferir este ano un aire especial a todas as súas actividades con motivo do seu aniversario tras a súa fundación en 1984.

Por elo, veñen de organizar unha edición moi completa da súa Mostra de Música e Baile Tradicional, que ademais tamén acada unha cifra redonda xa que cumprirá, o vindeiro 20 de xullo, a súa primeira década. Así, vén de pecharse un gran cartel que contempla as actuacións da formación portuguesa Ceifeiras Campinos, Asociación Cultural Seixos Albos, Xacarandaina, As Cantigas de Elena e Son das Tabernas. Este espectáculo comezará ás 19.30 horas no adro de Tenorio e contará con servizo de bar e polbeiría.

Ademais, durante o mesmo renderase unha homenaxe especial ao Fillo Predilecto de Cerdedo- Cotobade Antonio Fraguas, que é o persoeiro central das Letras Galegas 2019, polo seu compromiso e gran traballo de difusión da cultura do país.

Durante a presentación, Cubela quixo dar os parabéns a Os Trazantes “pola súa longa traxectoria, polo seu inxente traballo a prol das nosas tradicións musicais e polo seu esforzo para dar a coñecer a esta terra como un referente cultural de Galicia”. Neste contexto, destacou que o Concello vai colaborar “en todo o que sexa posible” para que o 35º aniversario da entidade e esta décima edición da Mostra “sexan un gran éxito porque así o merece toda a familia dos Trazantes” e convidou a todos os veciños e xente doutros municipios a que se acheguen ata Tenorio “para gozar dun espectáculo tradicional de primeiro nivel”.

Deja un comentario