+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

POLÍTICA SOCIAL AVOGA POLO ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE COMO UNHA OPORTUNIDADE PARA DESFRUTAR DESTA ETAPA DA VIDA


A Xunta cuadriplicou nos últimos dez anos o número de dependentes atendidos e na actualidade supera os 61.000

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, sinalou que facerse maior é unha oportunidade para desfrutar con intensidade desta etapa da vida. Díxoo na clausura do 31º Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría que desde o pasado xoves ata a xornada de hoxe celebrouse no Pazo da Cultura da cidade do Lérez.

Durante a súa intervención, Ildefonso de la Campa destacou os avances de Galicia nos coidados aos galegos e galegas de máis idade, en especial aos dependentes, con máis de 61.000 atendidos na actualidade, catro veces máis que hai dez anos. Tamén se referiu á posta en marcha de novos servizos como a rede de Casas do Maior, pequenos centros de día no rural.

Así mesmo, o director xeral sinalou o apoio da Xunta a todas as iniciativas que favorezan o envellecemento activo, o que se plasma en programas como o de benestar en balnearios e talasos ou a colaboración coas aulas sénior de Ategal e as universidades para a formación de adultos.

Baixo a lenda Galicia, liderando a lonxevidade europea. Oportunidades e retos, os profesionais e expertos nos ámbitos da enfermaría, a xeriatría, a xerontoloxía e a educación para o envellecemento reflexionaron sobre esta nova época na que se acadaron os maiores niveis de lonxevidade da historia da humanidade. O congreso tamén foi un punto de encontro para dar a coñecer os novos avances e investigacións dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores.

Deja un comentario