+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ABRE O PRAZO PARA PARTICIPAR NA ÚLTIMA CONVOCATORIA DO COWORKING DE BARRO


O programa desenvolverase entre setembro e decembro e inclúe programas de asesoramento persoal, cursos de formación e acceso aos laboratorios do Viveiro
As persoas emprendedoras interesadas poderán solicitar a súa praza ata setembro na web https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-4a-edicion

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, lanzan a última convocatoria para participar no coworking do Viveiro de empresas de Barro. A través desta iniciativa darase cabida, de xeito gratuíto e entre setembro e decembro de 2019, a 20 proxectos emprendedores da provincia en fase temperá de desenvolvemento ou creados recentemente. O prazo para presentar a solicitude (dispoñible en https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-4a-edicion) permanecerá aberto dende hoxe ata os primeiros días de setembro.

A través desta convocatoria as persoas beneficiarias disporán dun espazo de traballo gratuíto así como dun programa de asesoramento personalizado impartido por persoal experto, formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos e acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. En concreto, acompañarase ás persoas emprendedoras ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Máis polo miúdo, axudarase ás persoas emprendedoras a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha. Deste xeito, poranse en marcha sesións de formación sobre Lean Start Up, crowfunding, estratexias de comunicación en redes sociais, creatividade e innovación,a posta en marcha dun plan de marketing dixital, finanzas, habilidades de comunicación e xestión do talento.

Por outro lado, celebraranse diferentes actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Amais, como peche da edición celebrarase un Demo Day durante o cal se presentarán os proxectos participantes no espazo coworking.

As e os participantes no coworking terán acceso tamén de maneira gratuíta ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra, situado no mesmo espazo do viveiro de Barro e que conta cun equipamento de fabricación dixital integrado por: impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, utillaxe, etc. Nestes laboratorios desenvolveranse unha completa programación de talleres específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía. Desta maneira, calquera emprendedor ou emprendedora que o precise, poderá experimentar e prototipar o seu deseño.

O obxectivo principal do coworking é fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos emprendedores que participen nestes espazos compartidos nun período limitado de tempo, identificando os proxectos con máis potencial de desenvolvemento. Desta forma, a EOI e a Deputación de Pontevedra buscan que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.

Deja un comentario