+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

MOS APROBA UN PLAN CONTRA INCENDIOS QUE INCLÚE 15.000 FINCAS QUE DEBERÁN SER LIMPADAS POLOS SEUS PROPIETARIOS


Estará exposto durante 20 días dende a publicación no BOP, podendo ser consultado polos interesados a través da referencia catastral das parcelas

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, informaron hoxe de que o Concello de Mos ven de aprobar un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp.

O Concello de Mos adheriuse a este Convenio que ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa, remitindo a Xunta de Galicia o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Mos, para aprobación e exposición pública por parte do Concello.

O Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais é de elaboración, execución e actualización obrigatoria para os Concellos e se integrará dentro do PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia) e dos Planes de Distrito; así como no Plan de Emerxencias Municipal, sendo redactado por un titulado universitario forestal.

Este Plan Municipal inclúe aproximadamente 15.000 fincas inventariadas cuxos propietarios deberán proceder á súa limpeza. Tanto o Plan como o listado de fincas nel incluído someteranse a información pública por prazo de 20 días mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na páxina web do Concello de Mos (https://www.mos.es/) para a presentación de reclamacións e suxerencias, podéndose consultar -a través da referencia catastral das parcelas- se están incluídas no Plan.

Deste xeito se deberá dar cumprimento por parte dos propietarios e propietarias de todos os predios, montes e soares incluídos no plan de prevención ás obrigas de prevención e defensa contra os incendios forestais, manténdose nas mellores condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e limpeza co fin de previr e evitar o risco de incendios, sendo as distancias de seguridade a respectar de 50 metros dende as edificacións libre de maleza e libre de pino, mimosa, eucalipto, fento, toxo, acacias e resto das especies que regula a normativa e requirindo en caso contrario por parte do Concello o seu cumprimento, podendo contratar no seu caso a xestión co SEAGA (Empresa Publica de Servizos Agrarios Galegos, S.A.) da Xunta de Galicia. En caso de incumprimento se executará de forma subsidiaria con repercusión dos costes ás persoas responsables e coa imposición das sancións correspondentes.

O contido do Plan inclúe a delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico, descrición e análise dos montes e os paisaxes existentes neste territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias; ademais de aspectos xurídico-administrativos e características socioeconómicas. Tamén zonificación por usos e vocación do territorio, obxectivos, compatibilidades e prioridades; planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos, incorporando as previsións de repoboación, restauración hidrolóxico-forestal, prevención e extinción de incendios, regulación de usos recreativos e ordenación de montes. Así como establecemento do marco no que se poderán subscribir acordos entre a Administración e os propietarios para a xestión dos montes e establecemento das directrices para a súa ordenación e aproveitamento garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva.

Tal e como explicaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “os obxectivos do Plan Municipal de Prevención de Defensa contra os Incendios Forestais son a descrición da situación actual do Concello (análise de risco, zonas de actuación, prioridades), a catalogación dos medios e recursos de prevención e defensa contra os incendios forestais, o establecemento do procedemento a seguir en caso de emerxencia, a regulación dos usos e o aproveitamento do risco e a programación de traballos preventivos”.

En todo caso, será necesario informe preceptivo y vinculante da Dirección Xeral de Montes. Se remitirá á Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia para informe unha vez rematado o período de exposición pública e posterior entrada en vigor.

Por último dende o Concello comunícase que persoal municipal acompañado de representantes de Seaga realizará reunións informativas a este respecto nas diferentes parroquias de Mos, comezando pola de Cela ao ser unha das que ten un maior número de parcelas incluídas no Plan.

Deja un comentario