+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

A XUNTA ABRE O PRAZO PARA QUE OS MENORES DE 35 ANOS PIDAN AXUDAS DE ATA 12.800 EUROS PARA COMPRAR VIVENDAS EN CENTROS HISTÓRICOS


 O DOG publica hoxe a primeira convocatoria desta nova liña de subvencións, que se poderán solicitar a partir de mañá e ata o próximo 31 de outubro, ou ata esgotar os 800.000 euros cos que está dotada a orde para este ano
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convocan as axudas para a adquisición de vivendas en centros históricos por parte de menores de 35 anos. Esta nova liña de subvencións do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) conta cun orzamento de 800.000 euros para este ano e todas as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude a partir de mañá e ata o vindeiro 31 de outubro, salvo que se esgote antes o crédito dispoñible

A Xunta subvencionará con ata 12.800 euros a compra de inmobles localizados nos conxuntos históricos dalgunha das sete grandes cidades e con ata 10.800 euros no caso de que a vivenda se emprace no casco vello de calquera outro concello galego. O importe da axuda non poderá superar, en todo caso, o 20 por cento do prezo de adquisición.

Os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes serán non ter cumpridos 35 anos na data de presentación da solicitude, ter a nacionalidade española ou residencia legal no país, e acreditar uns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia que sexan iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a catro ou cinco veces o Iprem no caso de familias numerosas e persoas con discapacidade.

Poderán acollerse a esta primeira orde de axudas para a adquisición de vivendas nos centros históricos os propietarios de inmobles que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridos mediante contrato privado ou escritura pública asinados despois do 1 de xaneiro de 2019.

Ademais, os beneficiarios das axudas deberán destinar a vivenda á súa residencia habitual e de forma permanente durante un mínimo de cinco anos a contar a partir da formalización da compra.

Polo que respecta aos inmobles, deberán cumprir as seguintes condicións:

• Estar emprazados nun dos centros históricos enumerados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018
• Tratarse dunha vivenda xa construída, tanto novas como usadas.
• Ter un prezo de adquisición que non supere o dunha vivenda protexida de 120 metros cadrados, de réxime concertado, no mesmo concello. Se a vivenda dispón de garaxe e/ou rocho o prezo máximo incrementarase nun 8% e nun 2%, respectivamente.

Concellos de menos de 5.000 habitantes
Cómpre lembrar que a Xunta tamén ofrece outra liña de axudas a menores de 35 anos para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. A convocatoria neste caso xa foi publicada o pasado 11 de xaneiro, cunha dotación global de 800.000 euros.
O importe máximo das axudas concedidas ao abeiro desta liña é de 10.800 euros, sen que a contía poida superar o 20% do custo de adquisición da vivenda.

Os requisitos que deben cumprir tanto os solicitantes como as vivendas son os mesmos que no caso da nova liña de axudas para adquirir inmobles en centros históricos, excepto no referido ao emprazamento da vivenda e ao prezo máximo da mesma, que nos concellos de menos de 5.000 habitantes non poderá superar os 100.000 euros.

Deja un comentario