+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A XUNTA E A AUTORIDADE PORTUARIA DE VIGO REFORZARÁN A COORDINACIÓN E COMUNICACIÓN ANTE SITUACIÓNS DE EMERXENCIA


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, asinaron hoxe un convenio de colaboración neste sentido
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, co obxectivo de reforzar a coordinación e comunicación entre ambas partes ante situacións de emerxencia. No acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.

Segundo o acordo ratificado esta mañá, estableceranse canles de comunicación bilateral. Así, cando o Porto de Vigo teña constancia dalgunha emerxencia na súa zona de servizo, procederá a comunicala de forma directa ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112). Da mesma forma, cando o CIAE 112 teña coñecemento dalgunha incidencia na zona de competencia da Autoridade Portuaria, tamén trasladará a información con celeridade. Para garantir un correcto funcionamento deste proceso, haberá interlocutores designados por ambas partes.

Ademais de mellorar os protocolos de comunicación, o convenio tamén pretende fortalecer o intercambio de información entre ambas institucións para mellorar a eficacia da xestión das emerxencias. Entre outros aspectos, está previsto intercambiar información cartográfica do Porto, trasladar as alertas meteorolóxicas, ou poñer en común a relación de medios e recursos dispoñibles nunha situación de emerxencia.

Nesta mesma liña, o convenio tamén prevé que se intercambien visitas entre as dúas instalacións e que se propoñan accións formativas do persoal.

O obxectivo deste convenio é seguir mellorando na atención ás emerxencias, na que é precisa a colaboración de distintas institucións e axentes. A semana pasada a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) xa firmaba un convenio en termos parecidos coa distribuidora eléctrica UFD, do Grupo Naturgy. Tamén durante o mes pasado se realizaron simulacros con distintas empresas e coas titulares de 26 presas galegas. A finalidade de todas estas actuacións é afinar cada vez máis a prevención e a resposta ante calquera tipo de emerxencia.

Deja un comentario