+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

LUISA PIÑEIRO DESEÑA UN GOBERNO CON ÁREAS PARA OS SEIS CONCELLEIROS E MANTENSE UNHA ÚNICA ADICACIÓN EXCLUSIVA


A rexedora percibirá 35.024,37 euros anuais, a mesma contía que no derradeiro exercicio máis o IPC e 7.000 euros por baixo do máximo legal

 

O Concello de Moraña xa ten definida unha proposta de funcionamento para a presente lexislatura municipal 2019-2023, xa que a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o seu executivo veñen de deseñar un goberno transversal con áreas para os seis concelleiros e mantendo unha soa adicación exclusiva, que será para a rexedora. Esta proposta vai ser debatida e aprobada, se procede, no Pleno de Organización que se celebrará este xoves, 4 de xullo.

O futuro executivo terá como concelleiro de Contas, Facenda e Patrimonio a José Cela; de Cultura, Educación e Turismo a Norma Caldas; de Urbanismo, Obras, Servizos, Vivenda, Solo e Medio Ambiente a Manuel Ruibal; de Igualdade, Política Social e Sanidade a Adrián Fernández-Albor; de Deporte, Xuventude e Participación Cidadá a María José García; e de Promoción Económica, Emprego, Industria e Comercio a Pedro Souto. Todas estas áreas terán conformada a súa respectiva comisión informativa, que serán presididas en todos os casos por Luisa Piñeiro.

Así mesmo, na proposta de goberno fíxanse as tres tenencias de alcaldía para José
Cela, Norma Caldas e Adrián Fernández-Albor por esta orde, respectivamente.

No eido económico, a única adicación exclusiva será para a alcaldesa, Luisa Piñeiro, cun importe de 35.024,37 euros brutos anuais, que é a mesma contía que a do derradeiro exercicio coa simple actualización do IPC. Ademais, cómpre sinalar que este salario sitúase máis de 7.000 euros por baixo do máximo legal permitido para os concellos de entre 1.000 e 5.000 habitantes, que é a categoría na que está situada Moraña.

Finalmente, as indemnizacións por asistencia a órganos colexiados tamén permanecerán conxeladas con respecto á lexislatura anterior e sitúanse en 50 euros
por cada sesión plenaria e en 25 pola participación en comisión informativa.

Deja un comentario