+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ARRANCA EN PORTAMERICA A CAMPAÑA “EXPERIENCIAS SOSTIBLES” QUE A DEPUTACIÓN LEVARÁ ESTE VERÁN POR FESTIVAIS, VILAS E PRAIAS DA PROVINCIA


A iniciativa forma parte da axenda provincial de sustentabilidade que ten por obxectivos a redución dos plásticos e a concienciación dos seus efectos no medio ambiente e na saúde

A Deputación de Pontevedra dá esta fin de semana o pistoletazo de saída á campaña de sensibilización e concienciación relativa á eliminación do uso dos plásticos e as consecuencias que teñen no medio ambiente e na saúde das persoas. A iniciativa, centrada na axenda medioambiental da Deputación, se inicia en PortAmérica e se estenderá este verán pola provincia, como un paso máis no marco das numerosas actuacións que o goberno de Carmela Silva impulsará nesta lexislatura ao converterse a sustentabilidade nun dos principais eixos de goberno.

“Experiencias sostibles” instalará stands informativos este verán nas vilas, eventos, festivais e praias da provincia. Deste xeito, este venres desde as 17 ata as 22 horas a Deputación de Pontevedra instalará en PortAmérica un stand informativo e material divulgativo da campaña. Concretamente, os materiais consistirán en folletos informativos, imáns, bolsas de tela e vasos compostables que concienciarán sobre a contaminación polo uso de plásticos no medio natural e as consecuencias dos mesmos na saúde das persoas.

Tras pasar por PortAmérica; este mesmo sábado, 6 de xullo, “Experiencias sostibles” tamén chegará á Festa da Langosta en A Guarda; o vindeiro xoves, 11 de xullo, atoparase no paseo marítimo de Samil, en Vigo; ao día seguinte, 12 de xullo, estará na alameda de Cambados; así mesmo, o 13 de xullo tamén chegará ao casco histórico e porto de Combarro; o mércores 17 de xullo atoparase na praza dos Barcos de Sanxenxo; o xoves 18 chegará ao parque Miguel Hernández, en Vilagarcía; tamén estará no Festival Vive Nigrán o día 19 de xullo; o 25 de xullo a campaña atoparase no Festival Sin Sal, en Redondela; e, por último no mes de xullo, o día 26 estará no Festival Atlantic Fest, na Illa de Arousa. No que respecta ao mes de agosto, a primeira parada será o día 2 no Festival Sonrias Baixas, en Bueu; durante o día 9 atoparase no Festival O Marisquiño, en Vigo; o 10 de agosto chegará ao centro histórico de Tui; o día 11 estará no Festival Revenidas, en Vilagarcía de Arousa; o luns 12 de agosto atoparase na praia Rodeira, en Cangas; ao día seguinte, 13 de agosto, estará en Vigo, na beiramar e en Príncipe; ao xardín da entrada do Parador, en Baiona, chegará o 14 de agosto; o día 22 atoparase en Pontevedra, estará na praza do Concello e na Ferrería; ao día seguinte, 23 de agosto, atoparase no Náutico de San Vicente do Grove; e, por último, o 28 de agosto chegará ao paseo marítimo de Moaña.

Así, «Experiencias Sostibles» levarase a cabo con 20 accións en todos aqueles eventos e escenarios que concitan a asistencia de público. Neste eido, a campaña contará cun stand informativo no que repartirán información por parte de monitores ambientais sobre os efectos dos plásticos nos espazos costeiros e fluviais, e tamén se proporcionarán imáns informativos sobre os riscos para a saúde dos diferentes plásticos que forman parte da vida diaria. Amais, con esta iniciativa vaise propoñer ás persoas a substitución das bolsas que se usan habitualmente por bolsas de tela reutilizables e, pola súa banda, tamén haberá materiais dispoñibles para aqueles eventos turísticos realizados por asociacións sen ánimo de lucro co reparto de 50.000 vasos compostables e seguros para a saúde coa catalogación de PLA 7, que son plásticos biodegradables elaborados a partir de plantas.

Trátase da segunda a segunda edición da acción da institución provincial a prol da concienciación da contaminación polo uso de plásticos e de aliñamento cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), en concreto co obxectivo 13 de Acción polo Clima. Con esta iniciativa búscase converter á provincia nun destino sostible, reforzando a aposta da Deputación de Pontevedra polo Medio Ambiente e convertendo a axenda medioambiental nun dos eixos fundamentais da lexislatura que arrancou onte mesmo.

Deja un comentario