+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

TODO PREPARADO EN COMBARRO PARA ACOLLER ESTE SÁBADO A SEGUNDA PROBA DO “DEPODESAFÍO 2019”, UNHA TRAVESÍA A NADO DE 1.500 METROS


Máis de 200 persoas achegaranse a Poio para participar na competición que terá como saída e chegada a Praza Peirao da Chousa

As augas de Combarro acollerán este sábado a segunda proba do «DepoDesafío 2019», da Deputación de Pontevedra, unha travesía a nado cun percorrido aproximado de 1.500 metros. A saída, programada para as 19.00h, será desde a Praza Peirao da Chousa, mesmo lugar onde estará situada a liña de chegada. Nesta ocasión un total de 205 deportistas competirán nunha proba que colle a testemuña da carreira BTT que acolleu As Neves no mes de xuño. Na primeira proba desta segunda edición o triunfo foi para Iria Campos e David Castro.

Este ano, tras o éxito de 2018, a Deputación volve a apostar pola organización do “Depo Desafío”, unha actividade ideada para popularizar este tipo de probas deportivas á vez que se promove o destino turístico sostible-razón pola que as probas se distribúan ao longo do territorio pontevedrés- e, do mesmo xeito, concienciar á poboación da urxencia de practicar deporte no medio natural dun xeito respectuoso, sustentable e responsable.

Esta proba será tamén valedoira para a clasificación xeral do circuíto organizado pola institución provincial, que ao final das 5 citas programadas proclamará un gañador e unha gañadora entre as persoas que teñan participado, como mínimo, en 4 destas 5 probas. O premio destas dúas persoas será cadanseu dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos. En 2018 a gañadora foi Ariana González e o gañador Brais Misa. Os dous teñen os seus dorsais garantidos para participar nesta popular proba o vindeiro 29 de setembro.

Ademais, a Deputación tamén obsequiará a todas as persoas que completen as cinco probas cun premio “finisher” e, entre todas as que participen, sortearanse dous paquetes da Maratón de Berlín. Como complemento á clasificación xeral, tamén haberá unha clasificación individual en cada proba onde, ademais de establecer o gañador e a gañadora globais desa quenda, tamén se establecerá unha categoría sub-21 e unha categoría veterana (de 40 anos en adiante).

Á travesía a nado deste sábado, en Combarro, seguiralle a carreira a pé nocturna, en Vilagarcía (o 27 de xullo), o trail, en Cuntis (o 8 de setembro) e, por último, o tríatlon, en Vigo (a comezos de outubro, data sen determinar).

Deja un comentario