+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN RECIBE 110 OBRAS A CONCURSO PARA O CERTAME DE NOVOS VALORES 2019


O xurado terá como obxectivo seleccionar ás catro persoas gañadoras nunha única reunión que se celebrará o vindeiro luns

A Deputación de Pontevedra vén de recibir 110 obras para participar no certame de Novos Valores 2019. O xurado comezará e intentará pechar as súas deliberacións o vindeiro luns nunha única reunión na que deben escoller ás catro persoas creadoras gañadoras, que recibirán bolsas por importe de 7.500 euros cada unha destinadas a ampliar os seus estudos artísticos e realizar novos proxectos.
Esta edición de Novos Valores tivo boa acollida de participantes, xa que o número de obras a concurso incrementouse con respecto a 2018, cando se presentaran 99 pezas. O xurado -formado polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García; a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Silvia García González; a crítica e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Susana Cendán Caaveiro; a crítica e comisaria de arte Mercedes Rozas Caeiro; a representante da Facultade de Ciencias da Educación e Deporte de Pontevedra Itziar Ezqueita Llamas; e o director do MARCO Miguel Fernández-Cid Enríquez, están citadas ás nove da mañá do vindeiro luns na sala de xuntas do Edificio Fernández López.
As e os membros do xurado realizarán unha primeira visualización das obras das diferentes disciplinas: pintura (23), escultura (26), fotografía (21), gravado (13), debuxo (13) , deseño (1), vídeo (8), e varios (5). A diferencia doutros exercicios o obxectivo deste ano, segundo explica o director do Museo José Manuel Rey, é facer a selección definitiva das obras gañadoras na mesma xornada, sendo comunicada a decisión ás persoas beneficiarias das bolsas no día seguinte. Só de non ser posible a resolución do certame nunha única reunión pola alta calidade das propostas convocaríase un novo encontro do xurado.
Os traballos seleccionados exporanse ao público entre o 3 de agosto e o 15 de setembro no claustro do Edificio Sarmiento. Hai que lembrar que a concesión das catro bolsas será obxecto dun convenio entre os adxudicatarios e a Deputación no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada.
Na pasada edición foran gañadoras unha escultura de Natalia Umpiérrez, unha performance audiovisual de Noela Covelo, unha pintura de Blanca Nieves Lurés, e un vídeo de Lois Búa, que protagonizarán unha mostra colectiva no Museo de Pontevedra no último trimestre deste ano, na que exporán a obra resultante das bolsas de ampliación de estudos.

Deja un comentario