+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

COMEZAN AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DO FIRME DA ESTRADA PROVINCIAL EP-7201 CACHAFEIRO-SILLEDA PARA AUMENTAR A SEGURANZA VIARIA


Os traballos deberán estar rematados no outono se non se producen complicacións coa climatoloxía

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de iniciar nestes días as obras de rehabilitación integral do firme da estrada provincial EP-7201 Cachafeiro-Silleda, nos concellos de Forcarei e Silleda. Os traballos, adxudicados á empresa ‘Construcciones Taboada y Ramos SL’, teñen un prazo de execución de catro meses polo que se non existen complicacións deberán estar finalizados no outono, segundo explica o deputado Uxío Benítez.
Este proxecto, segundo explica Benítez, mellorará substancialmente a seguranza viaria e peonil nun treito que abrangue dende o punto quilométrico 0+840 ata o 22+580. As obras mellorarán a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente: levantarase todo o firme actual en mal estado, e aplicaranse diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a seguridade da nova plataforma. Así mesmo, mellorarase a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas, entre outros).
A actuación nesta estrada provincial tiña un orzamento de licitación de 453.104,89 euros que finalmente foi rebaixado ata os 335.070,78 euros coa oferta gañadora, que competía con outras oito firmas construtoras.
No último estudio de aforos realizado pola Deputación revelan que a EP-7201 presenta un tráfico medio duns 1.500 vehículos: no aforo realizado no primeiro treito da vía (entre Cachafeiro e a EP-6501 Grava-Escuadro), concretamente no punto 3+300, a intensidade media diaria ascendía a 1.138 vehículos, mentres que no segundo treito (entre a EP-6501 e Silleda), no PQ 22+000, o número medio de vehículos por día foi de 2.058.

Deja un comentario