+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS ‘CONCERTOS NO RÍO MIÑO’, PREÁMBULO DO IKFEM 2019, OFRECERÁN CATRO ACTUACIÓNS DE ALTO NIVEL CON PROPOSTAS PARA TODOS OS PÚBLICOS


Grazas a esta iniciativa do AECT Río Miño o festival crece con catro concertos nas eurocidades Tomiño – Cerveira e Tui – Valença

A organización europea destinou un total de 15.000 euros para a dinamización desta experiencia cultural, como parte da acción 2 do proxecto Smart Minho

A VII edición do IKFEM 2019, festival de música de teclado da Eurocidade Tui – Valença, terá como preámbulo os ‘Concertos no Río Miño’, unha iniciativa do AECT Rio Minho a través do proxecto Smart Minho, que completará o programa do festival transfronteirizo con catro actuacións de artistas de Galiza e Portugal. Os concertos terán lugar en enclaves senlleiros das eurocidades Tui – Valença e Tomiño – Cerveira e ofrecerase un cartel con propostas para todos os públicos. `IKFEM -Concertos no Rio Miño’ será unha extensión do propio evento e celebrarase do 14 ao 16 de xullo

O público poderá gozar dunha programación variada en estilos musicais, con artistas de altísima calidade de Galicia e Portugal, e con propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Os espazos dos concertos serán emprazamentos exteriores na contorna do Rio Miño: Centro Interfederado, do club de remo de Tui; a fortaleza de Valença con vistas ao Rio Minho; os xardíns do Aquamuseu de Cerveira, e o Espazo Fortaleza de Tomiño.

Os concertos

A programación de concertos comezará o domingo 14 en Tomiño, no espazo Fortaleza, ás 21.30 horas (hora galega), con Minimozart, unha produción da Casa da Música de Porto, destinada ao público infantil. As aventuras de Mozart e da súa irmá María Anna marcan o percorrido pola música do xenio austríaco.

Ese mesmo día, na veciña Cerveira, nos Jardins do Aquamuseu do Rio Minho ás 23.oo (hora galega), os músicos Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto presentarán a súa colaboración conxunta que leva por nome ‘Voar a seis mans’. Mesturaranse composicións orixinais dos tres autores, música tradicional galega e adaptacións de tres grandes autores suramericanos: Tom Jobim, Astor Piazzolla e Egberto Gismonti.

O luns 15 de xullo, no Centro Interfederado (Club de Remo) de Tui, ás 21.oo horas (hora galega), actuará o galego Davide Salvado co seu espectáculo ‘Amarelo’, no que reinterpreta a xeito contemporáneo cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo.

Xa o martes 16, en Valença do Minho, no Largo Visconde Guarativa (Fortaleza) ás 21.00 (hora galega) será o Mineus Dúo quen mesturará as músicas de ambas as dúas beiras do río Miño, co programa que leva por título: ‘Atravessando o Minho: canções da Galiza e Portugal’. O tenor Jorge Prego, xunto con Miguel Campinho ao piano, farán un percorrido musical polo Portugal e a Galicia dos últimos 200 anos a través da canción lírica, como exemplo da cultura transfronteiriza do territorio.

Smart Minho

A colaboración do AECT Rio Minho, dirixido polo deputado provincial Uxío Benítez, co IKFEM para esta actividade ascende a un total de 15.000 euros. Esta axuda está enmarcada na actividade 2 do proxecto de cooperación europea Smart Minho, destinada á dinamización de experiencias culturais conxuntas entre as dúas marxes do río.

O pasado mes de maio, o agrupamento xa colaborou co Encontro de Tocadores `Entre Margens’, cunha financiación similar destinada á programación artística. Grazas a esa achega de 15.000 euros, ‘Entre Margens’ viu consolidada a súa oferta musical e incluíu por primeira vez ao concello da Guarda dentro da súa programación.

Xunto co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Deja un comentario