+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019

O ENCONTRO CORAZÓN DA ARTESANÍA DE AGOLADA APOSTA POR VISIBILIZAR E IMPULSAR A SUSTENTABILIDADE DO SECTOR


A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o curso para profesionais no que se dá a coñecer a técnica zero waste, que permite aproveitar o 100% da tea na confección de prendas

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o curso para artesáns do téxtil sobre complementos zero waste, que se está a desenvolver no marco da celebración en Agolada do VIII Encontro Corazón da Artesanía. Con esta iniciativa formativa, impartida por Aroa Veiga (Gondomar), os profesionais coñecen a técnica que permite confeccionar prendas de moda aproveitando o 100% da superficie da tea, sen xerar ningún residuo. Tal e como sinalou Vázquez Abeal, este tipo de iniciativas permiten visibilizar e impulsar a sustentabilidade do sector artesán galego.

A oitava edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia remata mañá despois dunha fin de semana ateigada de actividades relacionadas cos oficios tradicionais do sector artesán galego. Un total de 66 artesáns de 27 oficios diferentes, así como 47 expositores de produtos gourmet están a participar no Encontro que comezou onte no conxunto histórico – artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra).

A música e a gastronomía centrarán as actividades do programa desta última xornada. A partir das 13:00 horas, a Praza do Concello acollerá a Sesión Vermú Lodeiros, na que actuará Chus Silva Dj (Santiago de Compostela), e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a da Asociación Folkllórica Cultural Xirandaina (Santiago de Compostela) que pechará a programación musical desta oitava edición do Corazón da Artesanía.

A iniciativa Artesanía no Prato, coa que se busca incorporar Artesanía de Galicia como soporte da cociña galega de vangarda, pecharase tamén mañá domingo co showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña do Catering Boketé (A Coruña), que se realizará en dúas sesións ás 13:30 horas e ás 15:00 horas. Xa pola tarde, ás 19:00 horas o barista Óscar de Toro impartirá o taller Sensacións do Sabor.

Na xornada de mañá continúan tamén nos Pendellos os cursos de formación especializada para artesáns e outros profesionais, así como as demostracións de oficios tradicionais e os talleres gratuítos abertos a todo tipo de público. Estes últimos talleres, programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas, centraranse no manipulado de papel, a creación de cianotipias, un curso de iniciación ao torno cerámico e un obradoiro de pintura sobre tecido.

Deja un comentario